Cantos empregos se perderán na Galiza por causa da Intelixencia Artificial?

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a organizar un ciclo de conferencias titulado “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”. As charlas teñen lugar do 23 ao 26 de outubro, das 17 ás 20:30 horas, e tamén poden seguirse por 'streaming' previa inscrición.
ChatGPT é unha das ferramentas de Intelixencia Artificial máis utilizada no mundo. (Foto: Irissca)
photo_camera ChatGPT é unha das ferramentas de Intelixencia Artificial máis utilizada no mundo. (Foto: Irissca)

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a organizar un ciclo de conferencias titulado “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”. As charlas teñen lugar do 23 ao 26 de outubro, das 17 ás 20:30 horas, e tamén poden seguirse por streaming previa inscrición.

A segunda destas charlas será esta terza feira, 24 de outubro, en Santiago, na sede da Confederación de Empresarios da Galiza (Rúa do Vilar). Centrarase na relevancia da Intelixencia Artificial (IA) nas nosas vidas.

Á presentación asistirán a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez; o director da empresa tecnolóxica Plexus Tech, José Manuel Chao; e o coordinador do ciclo, o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro, académico da RAGC e director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago -CiTIUS-.

A xornada comezará coa intervención de Pablo Gamallo, profesor titular da Área de Lingüística Xeral e investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago. Falará sobre as tecnoloxías lingüísticas, en particular sobre o Proxecto Nós, que busca o acceso en galego a recursos como os asistentes de voz, os sistemas de recoñecemento da fala ou os tradutores automáticos de alta calidade; co propósito de que poidamos interactuar no mundo dixital en igualdade cos falantes doutros idiomas.

Salienta que “os grandes modelos de lingua están a revolucionar as tecnoloxías lingüísticas, ao seren ferramentas esenciais no ámbito do procesamento da linguaxe natural, capaces de levar a cabo múltiples tarefas, tales como o recoñecemento e síntese de voz, tradución automática, xeración de texto, extracción de información, resumos automáticos, análise de sentimentos e diálogo”.

De seguido participará María José Carreira, profesora titular de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigadora do CiTIUS. Referirase á relevancia da IA no eido da saúde. Nesta liña, indica que “os impresionantes avances da IA están a ter impacto nas nosas vidas. Existen multitude de investigacións realizadas por institucións públicas ou privadas para avanzar no tratamento de distintas enfermidades ou mesmo para facilitar a vida saudábel dos doentes e da poboación en xeral”.

O impacto da IA no emprego

Por último, intervirá Luís Alberto Otero, catedrático da Área de Economía Financeira e Contabilidade da USC. O experto manifesta que “as novas tecnoloxías axudarán a crear novos empregos, a mellorar a eficiencia dos actuais e tamén eliminarán outros”.

Otero lembra que, segundo estudos da Universidade de Oxford, unha elevada porcentaxe dos traballos actuais (38% do emprego na Galiza) estarían afectados polo risco de automatización.

Apunta que “a substitución definitiva dos traballadores tan só se producirá cando exista unha vantaxe evidente pero, na maior parte dos casos, moitos empregos están chamados a entenderse coas novas tecnoloxías”. E incide no especial impacto que suporá nas competencias dos traballadores, que deberán someterse a procesos de reskilling (reciclaxe profesional, é dicir, a capacitación para outro posto, a través da dotación de novas habilidades e competencias) e upskilling (formación dun profesional en novas habilidades e competencias que lle permiten medrar no seu rol actual) para seguir desempeñando os seus postos de traballo.

Comentarios