Oposición e asociacións veciñais critican á Xunta polo "golpe lexislativo" do "interese público superior" para a eólica

O Parlamento da Galiza debateu esta segunda feira o proxecto de lei de acompañamento -de medidas fiscais e administrativas- aos orzamentos galegos de 2024, marcado pola declaración do "interese público superior" para os proxectos eólicos que pretende introducir o PP e polas protestas á mesma. O BNG e o PSdeG criticaron a normativa.
Multitude de asociacións veciñais acudiron esta segunda feira á Cámara a protestar contra a Xunta da Galiza (Foto: Arxina).
photo_camera Multitude de asociacións veciñais acudiron esta segunda feira á Cámara a protestar contra a Xunta da Galiza (Foto: Arxina).

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, defendeu esta segunda feira no  Parlamento galego que a declaración do "interese público superior" dos proxectos de enerxía eólica "non supón ningún tipo de menoscabo" ás garantías de avaliación ambiental. Algo co que non coincidiron nin os grupos da oposición nin a multitude de asociacións veciñais que protestaron por esta medida ás portas da Cámara.

O deputado do BNG, Luís Bará, alertou de cambios "absolutamente transcendentais" no sector eólico "sen as máis elementais garantías democráticas" ao non consultar ao Consello Económico e Social (CES). "Só consultan á patronal porque a patronal é a que lle dita as leis", afirmou o nacionalista sobre as "medidas para favorecer o espolio".

Bará denunciou que o PP busca facilitar proxectos que "teñen gran resistencia social polo abusivos que son", mais o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) "paroulle os pés" e "están a facer agora unha infame campaña de acoso" para "intimidar" á Xustiza. 

O nacionalista reprobou unha modificación da lei para "condicionar a interpretación de tribunais de xustiza" co fin de que "non poida actuar" o TSXG. "O nivel de servilismo coas portas xiratorias é absolutamente insaciábel", agregou.

Pola súa parte, o deputado do PSdeG, Gonzalo Caballero, cargou contra un modelo enerxético "errado" da Xunta da Galiza. Ademais, o socialista avogou pola enerxía eólica, "mais non vale de calquera maneira, metendo pola porta de atrás cuestións que non teñen que ver cos orzamentos".

En resposta, a deputada do PP, Raquel Arias, afirmou que dicir 'Eólica Si. Mais non Así' é "a resposta dun neno que non fixo os deberes" e defendeu que o cambio normativo proposto pola Xunta "non menoscaba o control dos parques eólicos".

"Golpe lexislativo"

Unha multitude de asociacións veciñais responderon esta segunda feira á chamada da coordinadora Eólica Así Non para concentrarse ante o Parlamento galego e manifestar o seu rexeitamento contra o "golpe lexislativo" que propón o PP na lei de acompañamento para declarar os proxectos eólicos de "interese público superior". 

A coordinadora denunciou que o PP busca "sortear" as sentenzas do TSXG que están a suspender proxectos eólicos "ilegais", así como "entregar definitivamente os recursos naturais do país ás eléctricas e mineiras", referíndose no segundo caso á inclusión da lei de beneficios sociais e económicos derivados do aproveitamento de recursos naturais que foi incluída nas medidas fiscais e administrativas, e que está "dirixida unicamente a facilitar o camiño das grandes corporacións empresariais cara á explotación dos recursos naturais que son de todas e todos".

"Estas novas reformas legais constitúen na práctica o abandono da Xunta da súa función executiva a prol do interese xeral e o seu evidente sometemento ao servizo do capital privado", concluíron desde a coordinadora de colectivos.

Comentarios