Que está pasando en Compostela Aberta?

Finalmente tocoulle a María Rozas liderar a lista de Compostela Aberta, tras descartarse a última hora Marta Lois, a cabeza de Sumar, o proxecto de Yolanda Díaz, na Galiza. Mentres tanto a principal referencia da formación, Martiño Noriega, comeza a dirixir o proxecto de Anova.

martiño noriega maria rozas yolanda díaz
photo_camera Martiño Noriega, María Rozas e Marta Lois. (Foto: Compostela Aberta)

María Rozas, militante de Esquerda Unida (EU) que non do Partido Comunista da Galiza (PCG), será a cabeza de cartaz de Compostela Aberta para as eleccións locais de maio de 2023. A nova candidata da marea compostelá atesoura anos de experiencia na política local, primeiro como concelleira de Facenda durante o período de Martiño Noriega na Alcaldía e despois como edil da oposición con Marta Lois como voceira.

A elección de Rozas resultou unha sorpresa para os propios inscritos de Compostela Aberta. Primeiramente, porque desde a renuncia de Martiño Noriega a acta de concelleiro, na formación dábase por feito a candidatura de Marta Lois a Alcaldía. En segundo termo, porque a proxección social de Rozas nunca foi significada, sendo dos membros do grupo municipal cun nivel de coñecemento máis baixo. E, por último, porque a elección como líder dunha militante de Esquerda Unida, réstalle independencia e escora cara unha opción partidaria a candidatura municipalista.

Rozas rematou como cabeza de lista de rebote porén unha vez coñecida a decisión de Lois de non concorrer rexistráronse movementos internos de diversa magnitude en Compostela Aberta. Segundo informaron a Nós Diario fontes coñecedoras do proceso, o poderoso xefe de Gabinete de Noriega na Alcaldía Compostela, Miguel Penas, todo un veterano da política local, manifestou a súa disposición para liderar o proxecto, non contando con apoios na formación.

Os parceiros galegos de Yolanda Díaz

A renuncia de Marta Lois a presentarse a un novo mandato colleu a Compostela Aberta co paso cambiado. Neste sentido, os inscritos na formación asumían que a voceira do grupo municipal tras a renuncia de Noriega encabezaría a lista de cara as locais de 2023. A esta idea contribuíu a propia Marta Lois, que non se descartou para tal responsabilidade e que mesmo nalgún momento asumiu liderar o proxecto nos vindeiros catro anos.

As razóns que explican este movemento de Lois continúan sen aclarar. Así, un sector de Compostela Aberta enténdeo como un paso atrás ligado a cuestión persoais e a novas perspectivas vitais. Ao tempo, outra parte da afiliación vincula a súa marcha da corporación compostelá ás novas obrigas derivadas da súa vinculación a Sumar e mesmo á posibilidade de encabezar a lista da nova organización de Yolanda Díaz na circunscrición da Coruña.

O tempo dará e quitará razóns mais parece evidente que Lois continuará na política activa. A esta idea contribuí a propia interesada cando anunciou a súa renuncia a facer parte da candidatura de Compostela Aberta e nesa dirección se explica o seu maior compromiso co proxecto de Díaz.

Os camiños futuros de Anova

Martiño Noriega a diferenza de Marta Lois semella cada día máis lonxe do proxecto da ministra de Traballo. Neste sentido, tense manifestado publicamente en diversas entrevistas concedidas nas últimas semanas aos medios de comunicación, onde mesmo apostou por formas de colaboración co BNG de cara as municipais. Porén, o rexedor compostelán non só expresou o seu apoio á candidatura de Rozas senón que participou da súa presentación pública.

Noriega continúa ser unha referencia inescusábel para Compostela Aberta pero as súas preocupacións actuais van por outro lado. Neste momento, traballa como voceiro de Anova en activar ese proxecto político, coa perspectiva dos vindeiros comicios locais pero sen perder o horizonte sobre as vindeiras citas electorais no ámbito estatal e nacional.

Anova estará presente nos comicios a celebrar en 2023 e 2024. A este respecto, a opinión maioritaria da organización é concorrer aos mesmos en parcería con outras forzas políticas. Descartada de momento a opción de Sumar e Yolanda Díaz, non sería de estrañar que buscase novos socios no campo do nacionalismo galego

Comentarios