Marta Lois (Compostela Aberta): "O importante para Sumar non son as siglas senón o traballo e as propostas"

Marta Lois González é a voceira municipal de Compostela Aberta. Ás súas responsabilidades no ámbito local engade agora a súa presenza no grupo promotor de Sumar, a alternativa lanzada pola ministra Yolanda Díaz. Nesta conversa con Nós Diario analiza a situación política.

Marta Lois, presidenta de Movemento Sumar. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A concelleira en Santiago Marta Lois, ás portas da Casa do Concello de Compostela. (Foto: Nós Diario)

—Xa ten decidido se vai liderar a candidatura de Compostela Aberta nas vindeiras eleccións locais?
Este tipo de decisións, aínda que teñen un compoñente individual moi importante, son decisións que se toman nun marco colectivo e por iso non podo dar unha resposta concreta a isto. En Compostela Aberta, xa o dixemos publicamente, imos desenvolver todo o proceso de elaboración da candidatura e actualización do programa no outono, e será entón cando falemos diso.

—Que valoración fai destes tres últimos anos na oposición ao PSOE e como xulga o Goberno de Bugallo?
A nosa valoración resúmese en que foron tres anos perdidos para Compostela. Ter a Bugallo de alcalde é unha viaxe ao pasado en todos os sentidos. Non só pola súa figura senón por como el entende a política, polos seus modos e formas caducas, propias doutro tempo e que non consegue adaptarse á actualidade. Ademais, a súa equipa resultou ser decepcionante. Dunha banda ten concelleiros e concelleiras totalmente ausentes e, da outra, concelleiros que están omnipresentes na polémica.

—A menos dun ano para os comicios locais, que obxectivos se marca Compostela Aberta?
 O noso obxectivo é volver marcar a axenda da cidade desde o Goberno, evidentemente, e para iso traballamos. Para iso elaboraremos a alternativa programática e escolleremos unha equipa de garantías que a desenvolva. Neste marco, o noso obxectivo sempre vai ser levar propostas e iniciativas que favorezan ás maiorías sociais.

Fronte ao modo de facer de Bugallo, Compostela Aberta quere continuar a levar a voz da cidadanía e da veciñanza.

—Á súa condición de voceira de Compostela Aberta engade agora a súa participación no grupo promotor de Sumar. Que obxectivos ten esta iniciativa?
A miña participación no proceso de escoita é a título persoal, como está a ser a de todas as persoas implicadas, e supón  formar parte dunha aposta na incorporación e suma da sociedade civil ao debate e á construción dunha axenda política elaborada de abaixo a arriba, de maneira participada e dialogada.

En xullo concretarase este proceso para escoitar a xente, para debater e intercambiar  visións. É importante lembrar que Sumar non é un partido nin marca electoral, é o nome da asociación que dá acubillo a este proceso de escoita e que reflicte o sentir desta maneira de facer política de Yolanda, para as maiorías sociais, sumando persoas e debatendo sobre proxectos e ideas.

—Malia que o proceso aínda está en fase de xestación, con que actores agardan contar na Galiza para ese novo proxecto político liderado por Yolanda Díaz?
É moi cedo para adiantar todo isto, eu penso que primeiro hai que traballar, iso é o máis importante, marcar unha axenda de traballo propio, unha axenda con políticas e propostas transformadoras, pero insisto en que agora mesmo estamos niso, nun proceso de escoita e non na construción dun novo proxecto político. Se se dá ese caso pois xa falaremos nese momento sobre iso, mais aínda non estamos nesa fase. O importante non son as siglas senón o traballo e a proposta e proxecto que podemos ofrecer á xente do común para mellorar as súas vidas.

Comentarios