Quen apoia o proxecto de Yolanda Díaz na Galiza?

O tempo corre contra o proxecto de Yolanda Díaz. A ministra de Traballo debe presentar en breve as bases da súa nova alternativa política e explicar con que actores conta a maiores de Unidas Podemos e Esquerda Unida. O papel da Galiza na proposta de Díaz é unha incógnita.

Yolanda Díaz con Xosé Manuel Beiras e Pablo Iglesias, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Yolanda Díaz con Xosé Manuel Beiras e Pablo Iglesias, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A pasada cuarta feira ,Yolanda Díaz estivo na Galiza para participar nun acto na Facultade de Políticas da Universidade de Compostela. O encontro producíase un día despois de que Pablo Iglesias afirmase que Díaz existía grazas a Unidas Podemos. A ministra de Traballo non desaproveitou a ocasión para reivindicar o proxecto da Alternativa Galega de Esquerdas.

Yolanda Díaz aproveitou a xornada para atoparse e cear con algúns dos seus amigos galegos. Segundo sinalou a ministra de Traballo na Radio Galega, o ex alcalde de Compostela, Martiño Noriega e o seu homólogo coruñés, Xulio Ferreiro foron algúns dos seus acompañantes.

Martiño Noriega e Xulio Ferreiro

Díaz confirmou o comezo do seu proceso de escoita e a afirmou que “estou acompañada por moita xente á que respecto e quero. Onte [pola terza feira] ceei con Martiño [Noriega], con Xulio [Ferreiro], con Marta Lois [portavoz de Compostela Aberta] e outros amigos, e para eles non teño máis que cariño e agradecemento”

A ministra de Traballo foi máis alá. Nesta liña, significou que “non se pode construír un proxecto político para España sen Galiza" e destacou que “agradezo o recoñecemento de todas as persoas, mais vou decidir con absoluta liberdade e, por suposto, se dese un paso adiante, sería sometida a un proceso de escrutinio democrático, como faría con todo o mundo”.

As palabras de Díaz deron para múltiples lecturas, chegando a afirmar a algún medio de comunicación que a ministra viña de fichar a Ferreiro e Noriega para o seu proxecto. Un e outro, en declaracións a Nós Diario, restaron importancia ao encontro, significando o ex alcalde coruñés que foi “unha simple cea entre xente que levamos tempo sen vernos”.

O mundo político de Marea Atlántica, da que fai parte Ferreiro, e de Anova e Compostela Aberta, onde se atopa Noriega, non ven con bos ollos o proxecto de Díaz. Así, os primeiros, moi distanciados de Unidas Podemos e Esquerda Unida por conflitos duros na Coruña apostan por un camiño separado de Díaz.

Antón Sánchez e Anova

O voceiro de Anova, Antón Sánchez, foi máis alá e asegurou a Nós Diario que “non sabemos nada oficial nin non oficialmente. Non hai contactos nin creo que os haxa, nin agora nin despois”. Pola súa parte, desde Compostela Aberta afirmaron descoñecer absolutamente este proxecto.

A sensación dentro de Marea Atlántica e Anova é que Yolanda Díaz tentou utilizar a Martiño Noriega e Xulio Ferreiro na súa loita contra Pablo Iglesias. A este respecto sinalan, que as palabras de Díaz chegaron tras afirmar Iglesias que a ministra “existe” grazas a Podemos e consideran o anuncio do encontro con estes dous ex alcaldes como unha resposta ao antigo líder da formación morada.

“A min non me elixe ninguén, son libre”, afirmou Díaz na Radio Galego, insistindo que “o que ten que saber a cidadanía, cando se faga neste proceso, é que vai decidir a propia cidadanía”, marcando máis unha vez distancias con Podemos.

Gómez Reino e Podemos

A formación morada atópase cada vez máis distanciada da ministra de Traballo. Malia que a organización conta cunha débil estrutura organizativa na Galiza, fontes da mesma, consultadas por Nós Diario, consideran que a continuidade de Gómez Reino como cabeza de cartel pola Coruña é irrenunciábel.

As diferencias entre a dirección de Esquerda Unida (EU) e do Partido Comunista na Galiza(PCG) con Díaz son coñecidas. A propia coordinadora de EU e do PCG, Eva Solla, enfrontouse e gañou nunha asemblea da organización a unha lista promovida desde o entorno de Díaz. Porén, ninguén dúbida do papel chave destas dúas formacións no proxecto impulsado pola ministra de Traballo.

Os apoios máis decididos ao proxecto de Yolanda Díaz chegan da banda dun sector de Esquerda Unida e de cadros de Comisións Obreiras. Precisamente, fontes deste sindicato  recoñecen a Nós Diario a coincidencia coas políticas desenvoltas por Díaz desde o ministerio pero defenden “a autonomía  dunha organización que non está o servizo de ningún partido senón dos traballadores”.

Comentarios