Portavoz nacional de Anova

Martiño Noriega: "Reactivar un espazo como Anova debe ser visto como positivo"

Martiño Noriega (A Coruña, 1975) anunciaba esta fin de semana a volta á primeira liña da trincheira política como portavoz nacional de Anova. Case tres anos afastado da primeira plana que lle serviron, afirma, para "resetear" e coller "certa distancia san" mais nunca, aclara, para "desconectar" da realidade diaria do país.

martinho-web
photo_camera Martiño Noriega (Foto: Arxina)

—Por que volve e para que?
Son dos que pensan que a situación que vivimos é extremadamente grave, só hai que ver Italia, que é un aviso a navegantes. É importante activar un capital humano, un patrimonio político como o de Anova, e facer política desde unha das nosas marcas de identidade, que é a impugnación, esa necesaria revoltura nunha situación de ‘calma podre’. Un amigo dicía, e creo que resume ben o que é o estado de ánimo da cidadanía e tamén dos espazos políticos da esquerda: “A cabeza sabe que facer mais o corpo non acompaña”. Iso quedoume gravado. 

Galiza é un país en parada cardiorespiratoria. Estamos moi golpeados, a nivel de sectores produtivos, cuns servizos públicos acosados e deteriorados, espoliados en canto aos nosos recursos Todo isto non foi inocente, o PP aí fixo o seu traballo

—Este retorno á primeira liña da política ás portas dun ciclo electoral pode interpretarse como un paso para se posicionar de cara ás eleccións.
A orde de prioridades en Anova mudou. Anova participou, xerou espazos de combate, rachou con marcos que era necesario rachar desde unha lectura soberanista, pagou un elevado prezo, e aprendeu. Hai varios retos por diante, temos que facer un traballo no conxunto do país, cos colectivos en defensa dos servizos públicos, da defensa do territorio.  Nuns meses hai un proceso municipal no que Anova debe facer unha aposta por participar e colaborar onde se poida para garantir o cumprimento deses principios que para nós son claves, como a xestión directa, ensanchar a democracia, xestión transparente....

—Mais entende que hai quen poida ver nisto un paso cara a unha nova AGE ou En Marea, coa vista posta  en ‘Sumar’? Ou iso agora “non toca”, como diría Pujol?
Creo que iso non entra na orde de prioridades. Reactivar un espazo como Anova, co capital humano e a experiencia que ten, debe ser visto como positivo. Aquí non sobra ninguén, e máis nuns momentos nos que cómpre erguer un dique de contención ante o que vén.  Os que fan esas lecturas arquetípicas de que estamos a armar unha pata soberanista para construír espazos máis amplos e o enfocan unicamente pola cuestión da esquerda federal, equivócanse, mais o tempo dará e sacará razóns. 

Evidentemente, no espazo do local, de cara a unhas municipais,  Anova aposta por engadir. E aí non interpelo só a movementos sociais ou esquerda federal, senón tamén ao propio BNG. Temos unha conta pendente en canto a normalizar as relacións co BNG e cicatrizar feridas. 

—Ao anunciar que asumía a Portavocía de Anova falaba da necesidade dun “soberanismo alternativo ao existente”.
Non me refiro a entrar en competencia, senón a unha complementariedade. Noto unha desactivación de xente que foi moi activa socialmente, desencantada, que vota en clave de mal menor. Creo que o rol de Anova é reactivar ese espazo.  

Noto unha desactivación de xente que foi moi activa socialmente, desencantada, que vota en clave de mal menor. Creo que o rol de Anova é reactivar ese espazo 

—Tres anos afastado da primeira liña política. Como percibe os cambios que houbo?
Este tempo serviume para resetear, para pór en valor o feito e ser consciente dos erros, tamén para coller certa distancia san, que non quer dicir desconectar, seguía conectado día a día a través da consulta médica: cada día atendo 50 persoas. Son agora máis consciente da distancia que hai entre a base social e os espazos de representación política.

—Unha fenda?
Sempre a houbo mais creo que agora é máis perigosa. Séguese a facer política institucional como se estivésemos na década do 2.000 e a sociedade está noutra dimensión. O que me asusta é que aí é onde vencen posicións nihilistas, o neofascismo. A xente está quebrada. Se xa foi dura a crise económica, coa pandemia chove sobre mollado... Todos os días vexo homes e mulleres quebrados na consulta, que non poden máis. E aí decátaste que nas estratexias políticas non se está a atender isto, non se está aí, e deberiamos estar.

Todos os días vexo homes e mulleres quebrados na consulta, que non poden máis. E aí decátaste que nas estratexias políticas non se está a atender isto, non se está aí, e deberiamos estar

—Galiza 2022, que ve?
Un país en parada cardiorespiratoria. Necesitamos recuperar o ritmo, saír de aí. Estamos moi golpeados, a nivel de sectores produtivos, cuns servizos públicos acosados e deteriorados, espoliados en canto aos nosos recursos, queren condenarnos a ser como unha reserva a tentar subsistir nun modelo turístico depredador. Todo isto non foi inocente, o PP aí fixo o seu traballo.

—Beiras está na Permanente de Anova. Tamén volveu agora a primeiro plano e con fortes críticas á esquerda española.
Se algo fixo Beiras, e segue a facer, é o non censurarse. Expresa un sentir que hai neste espazo que precisa reconstruírse, sen ir a modelos que xa se experimentaron e para os que entendemos que non se dan as condicións. Hai moita xente que nos quere ver aí, mais ao mellor moita desa xente vaise sorprender. Beiras é libre. Sempre o deu todo e agora tamén. Non ten medo ao disenso, á crítica. Iso é o que necesitamos, e non fundar unha nova igrexa (ri), diso xa hai moito.

—Anuncia que vai seguir exercendo a medicina. Que lle achega?
A medicina e a política na miña vida foron as dúas caras da moeda, sempre foi así. Fun médico vocacional e fixen política desde que teño coñecemento de causa. Sempre foron complementarias, non son compartimentos estancos. Isaac Díaz Pardo dicía que eu vía a política con ollos de médico. Volver á medicina após 12 anos cambioume.

Comentarios