PSOE e BNG urxen a moción de censura para sacar Jácome da alcaldía de Ourense

Os grupos municipais do PSOE e do BNG no Concello de Ourense insisten na necesidade de asinar a moción de censura contra o actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e acabar coa crise municipal. 
pleno municipal Ourense 2019 (Europa Press)
photo_camera Imaxe dun pleno municipal en Ourense presidido por Pérez Jácome. (Europa Press)

O portavoz do grupo municipal nacionalista, Luís Seara, compareceu esta terza feira para avaliar a crise municipal e para dar conta dos avances das últimas horas tras a mesa de diálogo que tivo lugar o día 5. "A próxima reunión á que asistiremos será a de firma da moción de censura", avanzou.

Tamén o portavoz socialista na cidade, Rafael Villarino, considerou, nunha comparecencia pública, que a próxima reunión "debería ser para asinar esa moción".

O grupo municipal socialista reunise hoxe á tarde coa xestora local e a secretaria da organización do PSdeG para afrontar a situación do Concello de Ourense e empezar a chamar o resto de grupos políticos para levar a cabo a moción. 

Para o BNG, a reunión de hai dous días serviu para clarificar que posicións toma cada quen e deixar o "xogo soterrado" dos últimos días.

Segundo expuxo, o BNG mantén a postura que xa manifestou outras veces, de apoiar unha moción de censura onde goberne a lista máis votada.

Tendo en conta que a candidatura con máis votos é a do PSOE, cuxo portavoz eludiu esta semana o encontro co resto de grupos municipais na sede do Liceo de Ourense. "Non se pode seguir mareando a perdiz, acabaron xa os xogos florais", declarou Seara, contrario á organización de mesas multilaterais ou bilaterais para "seguir perdendo o tempo".

Preguntado por unha eventual entrada da súa organización nun futuro goberno local, o portavoz rexeitou calquera "cota de poder".

O grupo socialista, pola súa banda, tamén rexeita novas reunións que non estean dirixidas a selar a moción de censura. Villarino defendeu que a súa ausencia na mesa de diálogo se debeu a, precisamente, evitar "ese sensentido", xa que realizaran unha proposta ao Partido Popular da que aínda non recibiron resposta.

Así, instou a que o PP se manifeste, "aínda que sexa para responder negativamente", e dixo estar disposto "a modificacións" polo ben da cidade. A súa proposta, dixo, é "un goberno serio e responsábel" para sacar adiante unha cidade "paralizada" e que se atopa nunha situación sanitaria "da que non remonta".

A formación socialista tamén fixo saber que seguirá traballando igualmente con Ciudadanos, mentres censurou o papel do Partido Popular: "Non se pode avanzar se non recibimos resposta á nosa proposta".

Comentarios