Partidos do Concello de Ourense plantan a Jácome e negocian un cambio na Alcaldía

O actual rexedor, de Democracia Ourensá, tiña fixado un encontro para analizar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) pero só acudiu o BNG. Á reunión paralela non asistiu representación do grupo socialista, algo que reprochou o PP.

EuropaPress_3337894_deputacion_ourense_acordos_do_pleno_310720
photo_camera Manuel Baltar preside o pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Europa Press)

A maioría dos partidos con representación na corporación municipal de Ourense tiveron un encontro para negociar a posibilidade de forzar un cambio na Alcaldía. Este encontro para abrir o diálogo tivo lugar despois de que todos, agás o BNG, deixasen plantado ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, nunha reunión fixada para falar do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

A cita paralela foi convocada por Ciudadanos e estiveron todas as formacións agás o PSOE, cuxo voceiro argumentou a ausencia recordando que na anterior reunión xa propuxeron que gobernase a lista máis votada nas municipais.

Mantendo ás e aos socialistas á marxe, a formación laranxa insistiu en que a convocatoria tivo como obxectivo buscar solucións “á actual crise municipal” e amosar á cidadanía, que está a pasar por momentos difíciles tanto no político como no sanitario, que pode ter un Goberno local cunha folla de ruta “diferente ás fantasías do alcalde”.

O Partido Popular, que foi o artífice da ruptura -cando se anunciou tiña o adxectivo de “temporal”- do pacto de Goberno con Democracia Ourensá (DO), asegurou que “o tempo político de Jácome terminou”.

A portavoz do grupo, Flora Moure, dixo que todos os grupos coinciden nese discurso e que “esta anómala situación non pode continuar”. “Queremos ser parte da solución e, por iso, estamos abertos ao diálogo”, subliñou.

Moción de censura?

Sobre unha posíbel moción de censura impulsada conxuntamente polo PP e o PSOE, a popular afirmou ter recibido a proposta dos socialistas pero non chegaron a manter outra reunión para concretar esa cuestión. Na súa opinión, coa súa ausencia a este encontro, “o PSOE xa di todo”. Porén, o seu homólogo, Rafael Rodríguez Villarino, explicou o motivo polo que faltou hoxe.

A representación do BNG incidiu na necesidade de levar adiante esa moción para que o rexedor abandone o cargo -xa que non o fixo de xeito voluntario a pesar das propostas- e asuma a dirección do concello “a lista máis votada”, neste caso o PSOE.

Pola súa banda, Miguel Caride (o concelleiro de Democracia Ourensá que lidera o grupo dos críticos con Pérez Jácome, polo que este último o apartou do Goberno local) remarcou que hai que “renunciar ás siglas e sentarse a falar para chegar a unha solución”.

Interrogado sobre a situación no Concello, o presidente da Deputación, Manuel Baltar deixou o arranxo da situación en mans das concelleiras e concelleiros, que son “os que teñen a palabra”.

Chamada á responsabilidade

Con este encontro, a representación faltou á cita que programou o aínda alcalde para falar do PXOM. Por iso, este chamou á “responsabilidade”. Mais para o PP este intento de “consenso co PXOM” é “unha tomadura de pelo” do rexedor.

De feito, asegurou que tiña bloqueado o proxecto desde outubro pese aos informes favorábeis “polos seus delirios sobre pelotazos inexistentes”. O BNG acudiu pero remarcando que se Pérez Jácome continúa de alcalde é “porque así o quere o PP”.

Comentarios