sábado 16/10/21

O PSOE acusa o PP de ser ideólogo “da maior campaña de esmagamento que viviu Ourense nunca”

Despois de non chegar a un acordo para levar adiante a moción de censura contra o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), a división é máis profunda e aumenta o cruce de acusacións. Mentres que os populares lembran que o rexedor “non está imputado”, polo que non ten nada de malo que ocupe o cargo, os socialistas piden que “deixe de branquealo con carnés de honorabilidade”.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O PPdeG saíu hoxe na defensa do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, despois de que non houbera acordo co PSdeG para apealo do Goberno da terceira cidade galega en termos de poboación. Pola contra, os socialistas vén unha campaña contra o municipio.

Nunha entrevista radiofónica o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, afirmou que é tempo de “devolverlle a honra a Jácome” porque no seu momento dubidaron del -dadas as denuncias das e dos edís de Democracia Ourensá (DO) hoxe apartados do Executivo local e saíron do Goberno de coalición.

Así avanzou unha sorte de achegamento inicial ao rexedor (que agora dirixe un grupo de Goberno de tres persoas contándoo a el mesmo), pois vano “apoiar no que sexa positivo para a cidade”. Será a nova política posto que “non está imputado”.

O coordinador do PP en Ourense e antigo alcalde, Jesús Vázquez, secundou as palabras de Tellado porque “hoxe por hoxe o señor Jácome non está imputado e non está investigado en ningunha causa”.

“Sempre dixemos que tocaba facer unha oposición construtiva, era o que a cidadanía demandada”, engadiu.

Para Vázquez é certo que non gañaron as eleccións pero tampouco recoñece a vitoria para a candidatura que encabezaba o socialista Rafael Villarino -no centro da polémica porque a súa persoa foi utilizada como moeda de cambio na negociación do acordo para ir contra o líder de DO- posto que “non houbo un gañador claro”. Iso derivou na “situación complicada” pola que pasa o Concello desde hai meses.

Xustificar a decisión sobre a moción de censura?

Ante estas declaracións, o grupo municipal socialista pediu ao PP que deixe “de facer o ridículo repartindo carnés de honorabilidade”.

Pensan que o obxectivo é “branquear a Gonzalo Pérez Jácome e salvar así os mobles do partido” despois de negarse a asinar a moción de censura a pesar do paso atrás dado por Villarino. Así manteñen “Ourense bloqueada no abismo”.

Desta forma, acusaron aos populares de “absoluta falta de responsabilidade por ter “aos ourensáns como reféns das súas pelexas” e ser os ideólogos “da maior campaña de esmagamento que viviu a cidade nunca”.

Petición de ceses

No medio desta nova polémica, os sete sindicatos representados na xunta de persoal do Concello exixiron o “cese inmediato” dos tres directores xerais nomeados por Pérez Jácome.

En concreto, pediron o despedimento dos responsábeis de Recursos Humanos e de Intelixencia Artificial, así como do City Manager, porque todo continúa igual malia sumar ingresos de “máis de 250.000 euros brutos ao ano”.

“Viñan para salvar a patria e todo segue igual, por non dicir peor; o único que se salvou con estes tres heroes foron os petos do alcalde”, subliñaron.

comentarios