domingo 09/05/21

Nova fronte na loita entre PP e PSOE en Ourense: Acusan Baltar de ter débedas co persoal da Deputación

O deputado socialista Nacho Gómez afirma que debe cinco meses de subida salarial -de case o 1%- ás traballadoras e traballadores da institución.
Manuel Baltar e Alfonso Rueda nunha rolda de prensa. (Foto: Alberto Paz / Deputación de Ourense)
Manuel Baltar e Alfonso Rueda nunha rolda de prensa. (Foto: Alberto Paz / Deputación de Ourense)

O PSOE de Ourense acusou hoxe ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, de estar a “deber” de forma “irregular” parte dos salarios ao cadro de persoal da institución provincial. Esta acusación non iría máis alá dunha estratexia ou denuncia política como calquera outra se non fora porque aparece en pleno enfrontamento de populares e socialistas pola truncada moción de censura ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá).

Segundo denuncia o PSOE ourensán, conta cun informe do secretario xeral da Deputación no que “avala” esta denuncia, pois as e os empregados levarían cinco meses “sen cubrir a suba salarial do 0,9% que determina a Lei de Orzamentos Xerais do Estado”.

O viceportavoz do grupo socialista, Nacho Gómez, acusou tamén ao voceiro do PP, Plácido Álvarez, de “mentir e mal informar” cando deixou entrever que sería o propio Gómez o que “quería a suba salarial para si mesmo”.

"O secretario non só avala que a subida é de obrigado cumprimento senón que tamén resalta que o convenio regulador da Deputación establéceo así", engadiu.

Ao seu parecer, as palabras chegadas desde o partido de goberno son unha “falta de respecto á democracia”. “A Deputación é morosa con respecto aos seus empregados”, recalcou.

"Nin Baltar, nin Plácido, nin ningún outro secuaz deste señor vai amedrentar ao Partido Socialista", incidiu en plena lea entre o PP e o PSOE pola diferencia de requirimentos posta para asinar a moción de censura na cidade de Ourense e apear a Gonzalo Pérez Jácome do Executivo municipal, formado por tres persoas sumándoo a el.

De feito, o secretario do PSdeG en Ourense, Rafael Villarino, pediu: "Baltar debe apartarse da vida pública para deixar de entorpecer a esta cidade, a esta provincia, e permitir que a democracia entre dunha vez nesta terra".

Así respondeu á demanda do Partido Popular para que deixara os cargos na Deputación e no Concello a cambio de apoiar a acción contra Jácome. Após ter o apoio da xestora, Villarino considerou que a débeda salarial -pero con claras alusións ao enfrontamento principal- é un “enganaollos de democracia".

comentarios