O PSdeG advirte á Xunta sobre Altri: "Non se pode xogar coa xente"

Formoso empraza a Xunta a que realice un apoio no caso de ser necesario un "suplemento" de fondos autonómicos para que os proxectos previstos saian adiante.
Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Europa Press)
photo_camera Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, este sábado en Compostela. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiu á Xunta de que "non se pode xogar coa xente" en relación co proxecto de Altri ao anunciar a súa localización en Palas de Rei antes de ter garantida a solvencia, polo que considera que "hai que ser serios".

En declaracións este sábado en Compostela, Formoso reafirmou a posición "clara e rotunda" do partido para a "defensa dos proxectos solventes para a Galiza", pero subliña a "importancia" da "seriedade e claridade".

"Altri, primeiramente, estaba garantido que se ía instalar na Mariña; despois estaba garantido que se ía montar en Palas de Rei, despois xa non está tan garantido porque depende de fondos europeos e despois depende de que se acheguen 200 millóns de fondos europeos", criticou.

"No caso de Altri, non falan con claridade, non se pode xogar coa xente", aseverou o líder socialista. Aliás, emprazou a Xunta a que realice un apoio no caso de ser necesario un "suplemento" de fondos autonómicos para que os proxectos previstos saian adiante.

"Non podemos permitir que por 15 ou 20 millóns de euros non se instale un proxecto que pode diversificar o sector forestal galego", manifestou Formoso.

Falta de infraestruturas

Na actualidade Palas de Rei conta cunha autovía a medio construír, a A-54, que unirá os concellos de Compostela e Lugo e que pasará ao norte da finca elixida por Altri para levantar a súa factoría.

A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, indicou na súa última visita a Galiza que o tramo Melide-Palas de Rei entraría en servizo o próximo ano, mentres que para o tramo entre Melide e Arzúa, en dirección Compostela, debería agardar un ano máis para a súa conclusión. 

Comentarios