As infraestruturas comprometen o inicio da actividade de Altri en Palas de Rei

A planta de fibras téxtiles prevé mover uns 150 camións a diario, mais a autoestrada que pasa xunto aos terreos nos que se levantará a planta está aínda a medio construír.
O delegado do Goberno español, José Miñóns, o pasado setembro en Palas de Rei comprobando o avance do viaduto do Pambre (Foto: Delegación do Goberno na Galiza).
photo_camera O delegado do Goberno español, José Miñóns, o pasado setembro en Palas de Rei comprobando o avance do viaduto do Pambre. (Foto: Delegación do Goberno na Galiza)

Altri, a firma lusa que promove unha planta de viscosa para a industria téxtil en Palas de Rei, prevé mover a diario 150 camións ao día para cubrir as necesidades de madeira das súas instalacións, unha cifra moi superior aos 96 vehículos que pode chegar a mover a planta de celulosa de Ence en Navia (Asturias) cando está a pleno rendemento.

Esta circunstancia fai que as infraestruturas, ao igual que a subministración de auga ─precisará medio millón de hectómetros cúbicos─ ou a de madeira o son para o seu funcionamento, sexa un elemento chave para a viabilidade dunha planta que aínda está a espera dos fondos necesarios para iniciar a súa tramitación administrativa. 

O problema é que na actualidade Palas de Rei conta cunha autovía a medio construír, a A-54, que unirá os concellos de Compostela e Lugo e que pasará ao norte da finca elixida por Altri para levantar a súa factoría.

A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, indicou na súa última visita a Galiza que o tramo Melide-Palas de Rei entraría en servizo o próximo ano, mentres que para o tramo entre Melide e Arzúa, en dirección Compostela, debería agardar un ano máis para a súa conclusión. 

Máis de unha década de atrasos na execución

A autovía A-52 acumula anos de atrasos. De feito, segundo o Plan Director de Infraestruturas da Galiza do ano 2021, o trazado entre Lugo e a capital galega debería estar xa rematado no exercicio 2010.

O anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xa remarcara este feito durante a vista da ministra de Transportes, a quen se queixou do "ritmo inasumíbel" ao que avanza esta autovía, aínda que matizou despois que estes atrasos son de "responsabilidade colectiva".

Por unha parte está a falta de compromiso político e investidor do goberno de Aznar, que continuou na etapa da socialista Magdalena Álvarez á fronte de Fomento, xa no goberno de Zapatero. Despois tomaría o relevo á fronte da carteira ministerial José Blanco, que se viu obrigado a modificar a planificación da obra para reducir a súa afección na contorna do río Pambre, do castelo homónimo e do Lugar de Interese Comunitario (LIC) da Serra do Careón, unha zona rica en fauna e flora, algunha exclusiva en Europa, que tamén se podería ver afectada pola actividade da fábrica de Altri.

Viaduto de Pambre

Na actualidade, os traballos concéntranse nun dos treitos máis delicados, o val do río Pambre, que será atravesado por un viaduto de 15 pilas que, após a modificación do trazado, pasou dos 350 metros iniciais a perto dun quilómetro.

Desde entón, rematáronse seis dos vanos, máis as obras, segundo apuntan a Nós Diario veciños da zona, "semellan estar paradas. Case non avanzan". A este respecto, o secretario xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez Torrón, indicou hai unhas semanas que a A-54 é unha autovía á que lle faltan dous tramos. "Hai un que vai máis avanzado que outro porque, á parte de problemas con patrimonio, había outras cuestións co contrato que estamos a solucionar, que é o tramo Melide-Arzúa", precisou.

Comentarios