O PSdeG anuncia que os obxectivos do 2022 serán as persoas maiores, a sanidade e a educación pública

O líder socialista galego presentou un vídeo, a modo de mensaxe de fin de ano, cos obxectivos que se marca esta formación para 2022.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na súa mensaxe de fin de ano (Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na súa mensaxe de fin de ano (Nós Diario)

O PSdeG fixo público esta sexta feira un vídeo do seu secretario xeral,  Valentín González Formoso, cos obxectivos que se marca esta formación política para 2022.

 O líder socialista galego asegura "facer unha aposta polo benestar dos maiores, a sanidade e a educación pública" no seu vídeo a modo de mensaxe de Fin de Ano.

No vídeo, o secretario do PSdG fixo fincapé no recoñecemento aos sanitarios por "o seu traballo inesgotábel e imprescindíbel".

Así mesmo, afirmou que as sanitarias e os sanitarios "volveron a mostrar que llo merecen todo" e que "necesitan que se lles valore".

Tamén, sinalou a vacinación como "un fito histórico" que permitiu "a esperanza para protexernos e protexer aos nosos seres queridos".

Formoso apuntou que o 2022 será un ano de "grandes retos", entre os que incluíu frear a emigración da mocidade galega, fortalecer o tecido industrial da Comunidade e a reactivación da economía na Galiza "sen deixar a ninguén atrás".

Por último, o secretario xeral destacou que o ano que remata como de "cambios no plano político" e asegurou que "o PSdeG deu un paso adiante para abrir unha nova etapa na Galiza, para que este país volva soñar e crer en si mesmo".

Comentarios