Os socialistas coinciden co discurso de Noiteboa do rei

Formoso valora positivamente “a mensaxe de esperanza” de Felipe VI

Valentín González Formoso cualificou o discurso do monarca Felipe VI como “unha mensaxe de esperanza, de unidade para deixar atrás as diferencias políticas e traballar xuntos para enfrontar a recuperación social e económica, que é o grande reto que temos como país”.

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, aspira nas primarias a liderar o PSdeG (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral dos socialistas galegos valorou a positivamente a intervención de Felipe VI e significou que respondeu a “ese espírito de unidade que está recollido na Constitución española ao que o rei fixo referencia no seu discurso”.

Pandemia

O máximo responsábel dos socialistas na Galiza considerou axeitada a referencia do monarca á situación de emerxencia sanitaria e destacou “o grande esforzo colectivo na loita contra a pandemia” e “o avance fundamental que supón a extensión da vacina”

Formoso avaliou de xeito favorábel que o Xefe do Estado fixera un chamamento a “seguir traballando para paliar as consecuencias económicas e sociais da pandemia, tanto na recuperación do emprego como na protección aos colectivos mais vulnerábeis”

 “É importante que dediquemos os nosos esforzos a traballar nesa dirección para que a recuperación sexa xusta e solidaria”, afirmou González Formoso, quen tamén destacou as palabras do Rei instando á cidadanía a adaptarse ao cambio e “ir por diante dos acontecementos nestes tempos complicados e de incertezas”.

Fondos europeos

O dirixente socialista coincidiu co monarca na “importancia de aproveitar a ocasión histórica dos fondos de recuperación europeos, que non podemos desaproveitar, pois será decisiva para o futuro do país”.

As palabras de Formoso situáronse na liña doutros dirixentes socialistas. A este respecto, Cristina Narbona, encargada de facer a valoración en nome da Executiva estatal da formación, sinalou que Felipe VI “acertou” tanto na “diagnose dos problemas” como “na forma de reaccionar”.

A presidente do PSOE significou que as palabras do monarca contribúen a “aumentar a confianza dos cidadáns nas institucións” e destacou o chamado deste ao “respecto”, ao “diálogo” e á “colaboración” “para acadar os grandes acordos que se precisan nun momento de grandes transformacións”.

Comentarios