Formoso abre un novo ciclo político no PSdeG

A vontade de situar o PSdeG como alternativa ao Partido Popular mandou na sesión de clausura do XIV congreso dos socialistas galegos. Após comezar a xornada elixindo en urna os novos órganos de dirección da formación, o novo secretario xeral, Valentín González Formoso, e o líder do PSOE, Pedro Sánchez, fixaron os retos da organización para os próximos anos. As eleccións locais de 2019 están chamadas a ser a primeira gran proba para o equipo de González Formoso, apoiado por máis de 80% das delegadas e delegados presentes no conclave.
 
Valentín González Formoso e Pedro Sánchez na clausura do congreso do PSdeG (Foto: Arxina).
photo_camera Valentín González Formoso e Pedro Sánchez na clausura do congreso do PSdeG (Foto: Arxina).

O PSdeG quere demostrar que está de volta e así se explican os discursos de Valentín González Formoso e Pedro Sánchez. O novo secretario xeral dos socialistas comezou a súa intervención agradecendo a Sánchez a súa xestión da pandemia e a resposta do Goberno do Estado á emerxencia sanitaria e económica. No mesmo sentido, tivo un recoñecemento para a xestión á fronte da Xunta da Galiza de Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, presentes no conclave e que na xornada de onte amosaron o seu total "apoio e lealdade" ao novo responsábel dos socialistas galegos. Nesta liña, Formoso lamentou que o período destes á cabeza do Goberno da Galiza "fora tan breve" e destacou a súa achega á mellora da calidade de vida das persoas.

Formoso estreouse como secretario xeral ofrecendo "tres grandes acordos" a populares e nacionalistas. O primeiro, centrado na "innovación e transformación dixital, dirixida a crear na Galiza un entorno innovador que favoreza o asentamento de empresas e proxectos". O segundo, destinado a impulsar "a economía e a industria deste país", concretado, particularmente, "no mantemento da actividade industrial en Alcoa de San Cibrao" e na "reindustrialización de Ferrolterra". O terceiro pensado "para defender os servizos públicos" e, moi especialmente, os servizos de Atención Primaria onde "as listas de agarda xa superan nalgún caso os 15 días" e "a asistencia continúa a ser telefónica".

Tócanos construír un proxecto para as eleccións municipais de 2023 para continuar potenciando desde os concellos e as deputacións a Galiza

O secretario xeral dos socialistas galegos sabe da importancia das eleccións locais e da súa transcendencia para o seu liderado. Así, non deixou pasar a oportunidade para lémbralles aos seus que "tócanos construír un proxecto para as eleccións municipais de 2023 para continuar potenciando desde os concellos e as deputacións á Galiza que avanza tanto nos que xa teñen Gobernos socialistas como naqueles nos que temos que traballar arreo para que cheguen". Nesta liña, vinculou os resultados dos comicios locais e dos galegos, sinalando que "seremos capaces de recibir a confianza maioritaria dos galegos nas próximas eleccións municipais e despois nas autonómicas porque o PSdeG entende a Galiza e sente este país".

"Imos gobernar a Xunta"

Pedro Sánchez quixo estar presente no congreso dos socialistas galegos para deixar patente o seu apoio a Formoso e insuflar ánimo a unha formación aínda moi tocada polos resultados das eleccións galegas. A este respecto, afirmou que "se a historia non se pode entender sen a achega do PSdeG, tampouco o presente e o futuro vai poder entenderse sen a achega do PSdeG". "Gobernamos España e pronto, Valentín, imos gobernar a Xunta da Galiza", declarou Sánchez, quen lembrou o importante poder local que atesouran os socialistas no país, exemplificado no "Goberno de tres das catro deputacións e das principais cidades da Galiza".

O presidente do Goberno do Estado quixo destacar a aposta do seu Executivo pola Galiza. Así, salientou que "por cifras, simplemente dígolles aos galegos e galegas que se comparamos os catro anos que levamos á fronte do Goberno os socialistas cos últimos catro de Mariano Raxoi, este Goberno vai transferir 27% máis de recursos en catro anos do que fixo Mariano Raxoi". "Hai 1.070 millóns de euros de investimentos públicos, o 29% máis que o ano pasado. Nas entregas a conta hai máis de 8.000 millóns de euros que o Estado vai transferir á Xunta", aseverou Sánchez, interesado en desmontar as criticas do PP e BNG ao seu Executivo pola ausencia de compromiso inversor na Galiza.

Sánchez non aforrou eloxios a González Formoso. Neste sentido, destacou o seu estreo como líder dos socialistas galegos "ofrecendo acordos" fronte a unha dereita que a nivel estatal trata de "debuxar unha España ao seu xeito: triste, sen ideas e en quebra". Nesta liña apuntou, que "eu non quero unha España pequena e gris como quere a dereita. Eu quero unha España con todas as súas linguas e identidades" e amosouse "convencido de que a socialdemocracia é máis necesaria que nunca, porque supón falar dunha recuperación económica xusta.

Se a historia non se pode entender sen a achega do PSdeG, tampouco o presente e o futuro vai poder entenderse sen a achega do PSdeG

A nova dirección socialista foi amplamente apoiada polos delegados malia as queixas do sector de Gonzalo Caballero. Así, o Comité Nacional, o máximo órgano do partido entre congresos, formado por perto de 400 persoas, recibiu o voto favorábel de 82,4% dos presentes, non recibindo ningún voto en contra. Pola súa banda, a Executiva Nacional contou con 343 sufraxios a favor, 78 abstencións e 3 nulos, sumando unha porcentaxe de votos afirmativos de 81,47%. Neste sentido, fontes da nova dirección socialista consultadas por Nós Diario destacaron que "o apoio á nosa proposta desde as primarias ampliouse en máis de 20 puntos, pois naquel momento logramos 58% dos votos e hoxe nas votación estivemos por riba de 80%".

A composición da Executiva Nacional atende a xeografía dos apoios recibidos por González Formoso e aos principais retos políticos da formación, onde as eleccións locais de 2023 ocupan un papel de relevo. Así, enténdese a numerosa presenza de alcaldes e responsábeis gobernamentais, que desde a nova dirección explican como "a concreción do compromiso de Valentín González Formoso de dar un peso central ao municipalismo nos órganos de dirección do partido".

O novo organismo de dirección executivo do PSdeG configura no seu interior unha área municipal, fixando diversas responsabilidades atendendo á dimensión dos concellos. A mesma está dirixida polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e dela tamén fan parte o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, como responsábel de concellos de menos 20.000 habitantes, o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, como responsábel de concellos de menos 15.000 habitantes, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, como responsábel de concellos de menos 10.000 habitantes, e o alcalde de Cariño José Miguel Alonso.

Comentarios