18-F

Rueda esquiva o primeiro debate da campaña, ao que si asisten Pontón e Besteiro

No debate organizado pola 'Cadena SER' a representación do PP correu a cargo de Alberto Pazos Couñago, portavoz no Parlamento e número 6 na lista popular por Pontevedra.

debate
photo_camera Debate na Cadena SER desta sexta feira.

Primeiro debate de campaña e primeira ausencia de Alfonso Rueda. O presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á Presidencia o 18-F non estivo no debate que organizou esta sexta feira a Cadea Ser Galiza e ao que si acudiron as cabezas de lista do BNG, Ana Pontón, e PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.  Rueda non tiña na súa axenda ningún acto oficial, nin como presidente nin como candidato, para a hora en que decorría o debate – de 9 a 10 horas-.

Mais a ausencia de Rueda non sorprende. O propio Partido Popular xa apuntaba a semana pasada que o seu candidato a presidir a Xunta só estaría no debate que organiza a CRTVG para a vindeira segunda feira, 5 de febreiro.  A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, defendía daquela que Rueda "non se esconde e vai onde o convidan". Mais esta sexta feira as palabras de Prado quedaron en auga de castañas: Rueda non estivo.

O representante do PP nesa cita na que si estiveron Pontón e Besteiro non foi un cabeza de lista ou candidato por algunha das circunscricións galegas: nin Diego Calvo, nin Elena Candia nin Elena Rivo. O representante foi Pazos Couñag­­o, portavoz dos populares na Cámara galega e número 6 da candidatura do Partido Popular pola circunscrición de Pontevedra.

Tanto a candidata nacionalista como o socialista coincidiron en criticar a ausencia de Alfonso Rueda, “un presidente que se esconde”, en palabras de Ana Pontón, o exemplo dun “Goberno ausente” para Besteiro.

Catro bloques

O debate pivotou en torno a catro bloques temáticos, moderados polo xornalista Ricardo Rodríguez: contexto sociopolítico, servizos públicos, economía e territorio e pactos pos electorais.

O BNG e o PSdeG coincidiron en facer unha diagnose negativa destes 14 anos de Goberno do PP, sinalando como empeoraron os datos demográficos, a situación dos servizos públicos ou o endebedamento. Pazos Couñago, pola súa parte, defendeu a xestión da Xunta, atacou o Goberno estatal e tamén quixo meter no debate cuestións alleas ao que se vota o 18-F, como a da amnistía.

Houbo propostas para potenciar a industria, un pacto pola ciencia e a innovación, ou mobilizar vivenda baleira para aluguer (Pontón), así como para facer da Galiza “unha potencia enerxética” ou sacar maior proveito aos fondos europeos de cara a xerar emprego (Besteiro). O representante do PP defendeu a xestión de Alfonso Rueda e do seu antecesor, Núñez Feixoo, e situou o PP como a única garantía de que a Galiza “continúe e avanzar”.

Minuto de ouro

No minuto de ouro, últimas intervencións dos participantes, Gómez Besteiro manifestou que “hai unha gran maioría de xente que quere cambiar e que dubida de se se pode producir o cambio. Terán que elixir, e ofrecemos experiencia de Goberno, un equipo profesional e ambición”.

"É o momento de apostar por algo diferente, por unha muller presidenta, coas mans libres. Son a candidata que imaxina un futuro mellor. Non importa a papeleta doutras eleccións. O 18-F pode haber cambio e depende de que todos os que queren cambio collan a papeleta do BNG", concluíu Ana Pontón.

Pazos Couñago, pola súa parte, apelou aos que "están cansos de absurdas discusións, e queren unha Galiza afastada do ruído e a discriminación, lonxe de que os privilexios duns poucos prevalezan sobre a maioría”. Por iso, dixo, “pedimos a confianza para Rueda, para que a Galiza siga funcionando como o fixo estes anos".

Comentarios