18-F

O PP limita a presenza de Rueda ao debate da TVG pero asegura que o presidente "non se esconde"

Paula Prado esgrime que só se "acordou" a cita do 5 na televisión pública galega e que os seus rivais non aceptaron a súa oferta de cara a cara.

Alfonso Rueda, no acto do PP deste domingo na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda nun acto do PP na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, deu a a entender esta segunda feira que o presidente da Xunta da galiza e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda, participará nun único debate electoral, o convocado pola TVG para 5 de febreiro, no que tamén participarán os aspirantes de BNG (Ana Pontón), PSdeG (José Ramón Gómez Besteiro), Sumar (Marta Lois) e Podemos (Isabel Faraldo).

Así o trasladou a preguntas dos medios sobre a participación nos debates e, en concreto, sobre o convocado pola Cadea Ser xusto para o arranque da campaña--fontes da emisora ratificaron que os populares confirmaron que acudirá o portavoz parlamentario, Alberto Pazos Couñago-.

Prado defendeu que Rueda "non se esconde e vai onde o convidan", antes de xustificar que, en todo caso, só houbo "acordo unánime" entre as distintas forzas con representación na Cámara galega ou con carácter significativo, en relación ao debate a cinco organizado pola televisión pública galega.

"Nós ofrecemos facer un segundo debate cara a cara de Rueda co candidato ou candidata que elixisen as forzas do multipartito e estamos a esperar", esgrimiu, antes de engadir que, do mesmo modo que a Cadea SER, hai outras radios, medios de todo tipo, asociacións e universidades que expuxeron a posibilidade de acoller debates electorais previos ao 18F.

"Temos innumerábeis invitacións e o PP non se vai a esconder. Estaremos en todos os que nos conviden", sentenciou Prado, sen precisar que dirixentes en concreto participarán en cada cita.

De feito, tras ser preguntada pola proposta de TVE -que mantivo a oferta dun debate entre os tres candidatos de partidos representados no hemiciclo galego (PPdeG, BNG e PSdeG)-, Prado insistiu en que só houbo "acordo unánime" en relación ao debate da TVG. "E a televisión pública galega é a TVG, niso coincidimos todos", recalcou.

Dito isto, volveu defender que o PP irá "a todos os debates" aos que sexa convidado e que "non se esconde". "E o noso candidato está disposto a acudir a un cara a cara co representante que elixan todas as forzas do multipartito. Que non se escondan eles", resolveu.

Comentarios