18-F

RTVE mantén o debate a tres no seu plan de cobertura, xa presentado ante a Xunta Electoral

Malia non estaren convidados ao debate, Sumar e Podemos son considerados "grupos significativos", polo que si terán tempos de entrevista no mencionado plan de cobertura.
Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. (Fotos: Europa Press)

Radiotelevisión Española (RTVE) vén de aprobar o seu plan de cobertura para as eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro e remitiuno esta sexta feira á Xunta Electoral da Galiza. O documento, segundo confirman fontes do ente público citadas pola axencia Europa Press, mantén a súa fórmula de debate a tres entre os candidatos e candidata das tres forzas agora representadas no Parlamento galego —PP, BNG e PSdeG— para o 14 de febreiro.

Malia que non están convidados a esta cita por seren extraparlamentarias, as coalicións de Sumar e Podemos están consideradas como "grupos políticos significativos", tal e como resolveu o pasado día 20 de xaneiro a Xunta Electoral a unha consulta de RTVE, polo que si terán tempos de entrevista no mencionado plan de cobertura.

O debate a tres é a principal diferenza co plan da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), feito público a principios de semana. De feito, na tarde desta sexta feira a sede da TVG en San Marcos (Santiago) acollerá unha reunión entre representantes de PP, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos para perfilar o debate entre os seus cinco candidatos e candidatas, que decorrerá na segunda feira 5 de febreiro.

O plan de RTVE, tal e como confirman fontes do ente a Europa Press, propón un debate a tres, entre Alfonso Rueda (PP), Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG). Até o momento os populares son os únicos que non confirmaron a participación do seu candidato, aínda que estes días a súa secretaria xeral na Galiza, Paula Prado, dicía que, como partido, acudirían "a todos" aos que se lles convidase, mais sen precisar quen o faría.

Non foron convocados nin Sumar, nin Podemos, nin Vox, forzas que nas eleccións de xullo de 2020 quedaron fóra do Parlamento —o espectro que agora representan Sumar e Podemos ía dentro da coalición Galicia en Común-Anova Mareas— e que xa avanzaron a súa intención de recorrer esta decisión.

O plan de cobertura de RTVE, tal e como avalou en días pasados a Xunta Electoral, contempla a Sumar e a Podemos como "grupos políticos significativos" por obteren un mínimo de 5% do voto na Galiza nas estatais de 2023, polo que si terán un tempo fixado nos bloques informativos. E é que se considera que Sumar e Podemos contan con 5,46% cada unha —repártese a partes iguais o 10,92% conseguido en coalición—.

Vox, porén, queda fóra por obter neses comicios na Galiza un 4,87%. O partido de extrema dereita que dirixe Santiago Abascal tampouco figura no plan de cobertura da CRTVG. O criterio a seguir polo ente galego foi, precisamente, a resolución da Xunta Electoral da Galiza a unha consulta de RTVE.

Comentarios