O PP rexeita as emendas á totalidade presentadas pola oposición aos Orzamentos 2024

O BNG e o PSdeG critican as "regalías electorais" e "cheques para comprar votos" das contas para 2024, que non ven adecuadas ás necesidades da Galiza.

conselleiro miguel corgos parlamento
photo_camera O conselleiro de Facenda. Miguel Corgos, na intervención desta segunda feira (Foto: Parlamento da Galiza)

Os grupos da oposición no Parlamento galego, BNG e PSdeG, criticaron á Xunta polas "regalías electorais" e os "cheques coma se pensasen que poden comprar o voto dos galegos", durante o debate en pleno do proxecto de lei de orzamentos da Galiza para 2024. Na votación das emendas á totalidade, a posición en contra dos populares serviu para rexeitalas.

Despois dunha intervención inicial do conselleiro de Facenda, que presentou o proxecto á primeira hora, o portavoz do PSdeG na Cámara, Luís Álvarez, foi o primeiro en tomar a palabra para defender as emendas que postulan a devolución das contas.

Respecto diso, censurou o que considera "unha colección de estímulos ao votante". "O que regala ben vende se o que o recibe enténdeo", ironizou nun discurso no que lamentou a "versión moderna de pan e circo" dos populares ilustrándoa con medidas como as axudas para ir de cruceiro.

Son, reprobou, "regalías electorais", medidas "incoherentes" e "ocorrencias de gabinete", que están "fóra de lugar" tendo en conta os niveis de poboación en risco de exclusión social. Álvarez concluíu que estes "voltan ser uns orzamentos que non estabelecen as medidas de protección ás familias que requiren a suba de prezos e os tipos de interese".

Ademais, falou de "bandazo impositivo" en relación coas grandes fortunas, nun "slálom de medalla despois de recibir o trompazo do Constitucional", que avalou o tributo do Goberno estatal e que recorrer a Xunta da Galiza

Neste sentido, recriminou aos populares que "nunca explicaron a que había que renunciar para que os que máis cobren paguen menos" e afeou en contraposición "a negativa" a subir o complemento autonómico das pensións, os libros gratuítos para a educación e outras das súas propostas. "Calquera destas medidas ten un custo inferior a eses 44 millóns aos que renuncian", confrontou.

Na súa quenda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que as contas falan "dun Goberno do PP que non defende a sanidade pública e desvía fondos á privada" e "que entende que as residencias teñen que estar xestionadas por entidades benéficas ou peor, por fondos voitre que queren facer negocio coa vellez".

"Estes orzamentos cóntannos que estamos ante un Goberno do PP que non practica unha fiscalidade xusta, senón que perdoa impostos aos ricos", proseguiu, antes de censurar o "espolio" de recursos naturais e o que entende unha ausencia de política de vivenda e de I+D+i.

Convencida de que "son os últimos presupostos de Rueda antes de dar paso ao cambio galego que o BNG vai liderar", a portavoz da formación nacionalista incidiu en que é un proxecto de lei "trufado de electoralismo dun PP desesperado por manterse no poder".

Levan, criticou, "dous meses repartindo cheques" e "cada día inventan un novo". "A xente deste país non se vende por un cheque. As familias, os mozos, os traballadores... o que queren non é que Rueda gaste os impostos en repartir cheques para comprar unhas zapatillas ou facer un cruceiro", sostivo.

Nesta liña, preguntou a Rueda se "cre que un mozo que non pode acceder a un aluguer o que quere é un cheque para facer un cruceiro". "A xente deste país non pide cheques; pide sanidade, unha vellez tranquila, un salario estábel e un traballo decente, poder acceder a política de vivenda...", salientou Pontón, para subliñar que "nada disto se resolve con cheques electoralistas".

Así mesmo, reprobou que as contas "incrementan a partida a educación privada e néganse á gratuidade dos libros de texto" no que cualifica de "medida inxusta e insolidaria".

"Non son os da débeda cero. Crense a súa propia propaganda. Cando nunca tanta débeda tivemos", remarcou. Nesta liña, valorou que "non dan solución" nin "nada achegan aos sectores produtivos", ademais de deixar "de lado a quen máis o necesita mentres pon unha alfombra vermella" aos que máis teñen.

Por iso, reivindicou que o BNG vai defender "unha alternativa" e celebrou que "moi pronto os galegos van ter a oportunidade de falar nas urnas". "Hai alternativa porque hai outra Galiza posíbel", terminou.

A continuación tomou a palabra o conselleiro, Miguel Corgos quen defendeu o bono para axudar a mozos que practican deporte e o "esforzo investidor en gasto público", así como a política fiscal da Xunta, apartado no que precisou que o imposto sobre patrimonio "só supón unha pequena parte" e lamentou que "se fale de slálom".

Comentarios