Orzamentos 2024: o investimento real mingua para sector primario, a lingua, comercio ou ensino

O proxecto de Orzamentos da Xunta da Galiza para 2024 xa está no Parlamento. Unhas contas que malia ter o cualificativo de "máis altas da historia" po parte do Goberno galego, contemplan un investimento real en non poucas partidas máis baixo que os orzamentos vixentes.
2023 fechará na Galiza cunha inflación, segundo o Instituto Galego de Estatística, de 5,4%, suba que fai que os orzamentos para 2024 fiquen por baixo dos vixentes en moitas partidas.
photo_camera 2023 fechará na Galiza cunha inflación, segundo o Instituto Galego de Estatística, de 5,4%, suba que fai que os orzamentos para 2024 fiquen por baixo dos vixentes en moitas partidas.

Sanidade, ensino, comercio, pesca, lingua galega, emprego, actuacións no medio rural, cultura... Estas son algunhas das partidas dos Orzamentos da Xunta da Galiza para 2024 —que o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entregou esta sexta feira no Parlamento— que no seu investimento real ficarán por baixo das contas vixentes, as de 2023. As partidas mencionadas, ao igual que as de dinamización económica do medio rural, actuacións ambientais ou cooperación e desenvolvemento, rexistran un leve aumento en números absolutos, mais, ao aplicar o incremento da inflación en 2023, esa suba fica en auga de castañas. En compromiso e esforzo orzamentario, van ser inferiores que as de 2023.

O incremento da inflación que prevé para cando remate o presente exercicio o Instituto Galego de Estatística —cuxos datos emprega a Xunta da Galiza para elaborar os orzamentos— é de 5,4%. Os 13.257 millóns de euros para 2024 dos orzamentos representan 5% máis que os de 2023. Mais, como ao longo desta semana lembraron sindicatos como CIG e CCOO ou a oposición parlamentaria, ese aumento nas contas é "comido" polo incremento do Índice de Prezos ao Consumo (IPC), o que fai que ese investimento real sexa menor.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos (esquerda), entregou onte ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o proxecto de Orzamentos para 2024. (Foto: Parlamento)
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos (esquerda), entregou esta sexta feira ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o proxecto de Orzamentos para 2024. (Foto: Parlamento)

Sectores produtivos

O proxecto de Orzamentos contempla destinar ao sector da pesca 139,4 millóns de euros para 2024. Son 15 millóns de euros menos que os que rexistrou para 2023, unha vez tendo en conta a inflación. Mais mesmo sen ter en conta a inflación, son 7 millóns menos. Un sector que achega case 2% do PIB galego e que implica por riba de 30.000 empregos fica para 2024 cunha das partidas máis baixas dos últimos anos. En 2009, últimas contas do Goberno de coalición entre PSdeG e BNG, o sector pesqueiro recibira 174 millóns, 34 millóns máis que agora.

Tamén en medio rural o investimento real vai ser menor en 2024. Os 422 millóns que a Xunta vai destinar para a dinamización económica do medio rural son 2,5 millóns menos que os que ese concepto recibe este ano. E igual acontece co apartado "actuacións e valorización do medio rural", onde os 191 millóns que o Goberno galego inclúe no proxecto de contas para 2024 son 7 millóns menos que os que se destinaron este ano, tendo en conta a inflación.

Outro dos eixos de desenvolvemento económico, o comercio, tampouco vai saír ben parado en 2024 a respecto deste ano. Para 2024 o Goberno galego contempla destinar a esa partida menos de 22 millóns de euros cando en 2023 destinou 25,4 millóns —que son 26,8 millóns coa inflación—.

Normalización lingüística

A lingua galega segue a ser, tamén en compromiso orzamentario, outra das materias onde o Goberno galego mantense no suspenso. Os 11,04 millóns de euros que os orzamentos destinan ao galego en 2024 non acadan o compromiso das contas para 2023 —11,49 millóns, sempre tendo en conta a suba do IPC—.

Se pousamos a mirada nas contas de 2009, a lingua galega é das que maior caída sofre. Pasouse dos 21,77 millóns de euros orzados en 2009 aos 10,9 millóns para 2023. Un recorte da metade do presuposto e que, orzamento após orzamento, o actual Executivo foi labrando desde 2009. Desde aquel ano, a partida máis alta de normalización lingüística foi en 2021, con 17 millóns de euros, catro millóns menos que en 2009.

Gasto social

Para 2024, o proxecto de contas aprobado polo Goberno galego prevé investir en sanidade 5.165 millóns. Son 197 millóns máis que o que destinan os orzamentos en vigor. Mais ao aplicar o incremento da inflación, esa partida debería ser 253 millóns maior, e non 198 como é. O mesmo acontece en ensino. O orzamento consignado ao ensino público para 2024 é de 2.858 millóns de euros. Mais, de aplicar a suba da inflación, ese incremento debería ser para o vindeiro ano de 150 millóns máis co fin de situarse no mesmo nivel de esforzo que en 2023. E só é de 63 millóns.

Os orzamentos en vigor contemplan unha partida para emprego de 443 millóns de euros. Os aprobados para 2024 rexistran 448 millóns, 5 millóns máis. A suba prevista da inflación faría necesario que, para seguir no mesmo compromiso orzamentario en materia de emprego, a partida aumentase 23 millóns de euros, case cinco veces máis que o que o vai facer.

"Un Goberno esgotado"

O BNG e o PSdeG coincidiron esta sexta feira en asegurar que o proxecto de Orzamentos para o vindeiro ano evidencia un "Goberno esgotado" e sen "nada que ofrecer" aos galegos e galegas. A portavoz do BNG e líder da oposición, Ana Pontón, afirmou que "o que nos din estes orzamentos, máis aló da propaganda, é que estamos ante un Goberno sen nada que ofrecer ás familias nin empresas, nin realmente axuda a quen máis o necesita nin achega proxectos transformadores que permitan encarar os grandes desafíos que ten este país". Cualificounas, ademais, de "rutineiras", pois "aplican as mesmas politizas fracasadas".

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez, sostivo que o proxecto de contas para 2024 constata que o proxecto da Xunta encabezada por Alfonso Rueda "está totalmente esgotado". "Non son capaces de presentar unhas contas que ofrezan solucións reais aos problemas da cidadanía".

Comentarios