O orzamento do ensino cae en 150 millóns para o ano 2024

A Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades é unha das grandes damnificadas do proxecto de orzamentos de 2024. O conselleiro, Román Rodríguez, acudiu esta quinta feira ao Parlamento da Galiza para defender as contas do seu departamento.

O conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez. (Foto: Europa Press)

Se na actual anualidade, a Consellaría de Cultura e Educación contaba cun presuposto de 2.795 millóns, nas contas públicas do vindeiro exercicio disporá dun total de 2.858. Unha vez descontada a suba da inflación, a partida sofre unha caída de 150 millóns. Malia isto, Rodríguez manifestouse satisfeito co orzamento do seu departamento para a próxima anualidade.

Rodríguez debullou na súa comparecencia as principais partidas orzamentarias da carteira. Neste sentido, destacou que a “primeira das medidas, que entrará en vigor, serán as incluídas no acordo histórico" sobre ratios, horarios lectivos e salarios asinado entre a Xunta da Galiza e os sindicatos CCOO, ANPE e UXT e que provocou unha xornada de folga no ensino, a pasada terza feira, convocada pola CIG, STEG e CSIF.

Rodríguez explicou que a maior parte do orzamento da consellaría destínase a educación, coa xestión de 2.847,4 millóns enfocados aos recursos humanos, ás infraestruturas e aos servizos e proxectos educativos. Entre outras partidas, destacou a destinada ao transporte escolar, con 123 millóns; os 65,7 millóns do Plan de arquitectura pedagóxica cos cales se sufragarán, entre outras actuacións, o novo CEIP do Milladoiro (Ames) e do IES de Navia (Vigo), e os máis de 60 millóns para comedores escolares.

A deputada do BNG, Cristina Fernández, denunciou a “falta de empatía” do Goberno galego en materia de ensino. Nesta liña, sinalou que "é tempo" de afrontar "os problemas que a comunidade educativa sofre a diario, marcando un novo modelo educativo, cultural e patrimonial que dea resposta aos cambios". A parlamentaria do PSdeG, Noelia Otero, criticou que os orzamentos incorporan "máis prazas concertadas, copagos e cheques-bolsa para centros privados". Nesta dirección, denunciou o “castigo” ao ensino público, “cada vez con menos recursos e menos profesorado” e “con ao redor de 2.700 profesores interinos, mentres deixan sen cubrir baixas por xubilacións”.

Á cola en investimento

Precisamente, Galiza atópase á cola do Estado en investimento educativo. Segundo os datos achegados pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef,) para 2022, Galiza está entre os territorios que menos destinan por habitante e ao ano en ensino: 1.043 euros. Só outras catro comunidades, Asturias, Madrid, Castela e León e Castela A Mancha, invisten menos que Galiza.

Lingua galega

Por outra parte, a lingua galega volve saír mal parada das contas galegas. Os 11 millóns que os orzamentos destinan ao galego en 2024 non alcanzan o compromiso de 11,4 millóns de euros das contas deste ano. Neste sentido, as achegas para o galego seguen moi lonxe dos 21,7 millóns orzados en 2009, sendo a maior partida desde aquel ano para normalización lingüística 17 millóns de euros en 2021, catro millóns menos que no último presuposto do Goberno de coalición entre PSdeG e BNG.

Comentarios