A CIG concéntrase ante o Parlamento para reclamar uns orzamentos "dignos" en sanidade e dependencia

"Non pode ser que teñamos o persoal que ten a responsabilidade de coidados das e dos doentes que están ingresados sobrecargado e facendo máis horas das que lles corresponde facer", cuestionan desde a central sindical.
Concentración da CIG ante o Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración da CIG ante o Parlamento. (Foto: Europa Press)

Decenas de sindicalistas da CIG concentráronse esta segunda feira ante o Parlamento, con motivo do debate de totalidade dos Orzamentos da Xunta da Galiza para 2024, co fin de reclamar unhas contas "dignas" para sanidade pública e dependencia. En declaracións aos medios, o responsábel de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, exixiu uns orzamentos "xustos e dignos" en materia sanitaria ante as "necesidades reais" existentes, especialmente en atención primaria e listas de espera "cada vez máis prolongadas" en hospitais.

A este respecto, pide analizar os cadros de persoal para reforzalos. Critica que no anuncio de novas prazas realizado pola Consellaría de Sanidade non hai "ningunha" para atención primaria, cun "grave problema de recursos humanos". E apunta que os 1.500 millóns para atención primaria non chegan ao 15% do global de Sanidade, dos cales 800 millóns van para gasto farmacéutico, alén dunha parte "para financiar custos de privatización".

González Moreira reproba que a Xunta "nin sequera" foi capaz de desenvolver o plan de saúde mental. O sindicalista lembrou que a CIG-Saúde leva anos reclamando un Plan de Ordenación de Recursos Humanos en Atención Primaria, "imprescindíbel para garantir o persoal necesario", mais tamén "porque hai novas necesidades e tamén moitas xubilacións e un Plan que non teña respaldo orzamentario é papel mollado".

Do mesmo modo, reclamou que na atención hospitalaria se analicen as ratios do persoal de todas as categorías e de todas a especialidades. "Non pode ser que teñamos o persoal que ten a responsabilidade de coidados das e dos doentes que están ingresados sobrecargado e facendo máis horas das que lles corresponde facer", cuestionou Moreira.

Pola súa parte, o portavoz de xubilados da CIG en Ourense, Fernando Varela, denunciou os "enganos do señor Rueda" aos pensionistas. Tras "14 anos pasando da xente maior", agora "acórdase simplemente para buscar votos". Denuncia que só hai 71 centro públicos do total de 286 residencias no país. Aliás, tacha de "indigno" que a Xunta "utiliza a vellez e dependencia para negocio dos seus amigos".

Comentarios