O PP rexeita compensar Galiza por xerar electricidade

A cuestión eólica voltou a ser chave do debate parlamentario de esta cuarta feira. Os deputados populares negáronse a solicitar compensacións para Galiza pola súa condición de gran produtora eléctrica. Ao tempo, o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, negouse a fornecer información sobre o 'caso Greenalia'.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, no Parlamento (Foto: Xoán Crespo).
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, no Parlamento (Foto: Xoán Crespo).

Os votos do Partido Popular abondaron para rexeitar unha proposición non de lei do Bloque Nacionalista Galego que reclamaba do Goberno do Estado español a “reforma do marco lexislativo eléctrico estatal para garantir que o prezo da tarifa eléctrica nun territorio teña en conta a súa situación de territorio produtor excedentario ou deficitario na produción eléctrica, de cara a, no caso de tratarse dun territorio exportador neto, repercutir positivamente na tarifa dese territorio a través do abaratamento das peaxes e cargos e seren así compensadas as externalidades negativas que produce a xeración eléctrica”.

A proposta nacionalista defendeuna a parlamentaria Noa Presas, que lembrou “como outras comunidades, como é o caso de Aragón, están a colocar enriba da mesa diferentes propostas a respecto de como deben ser compensadas polo seu papel produtor” e reclamou que “a Galiza tome posición neste debate” para “garantir unha tarifa eléctrica galega que compense a través dun abaratamento o noso papel produtor e as súas consecuencias”.

Os argumentos de Presas non convenceron socialistas e populares. Os primeiros, por boca da deputada Begoña Rodríguez Rumbo, discreparon da iniciativa “en base á necesaria solidariedade territorial entre as diversas rexións”, manifestándose os segundos contra a proposta, a través da parlamentaria Marta Nóvoa, que negou que “a Galiza fose sempre excedentaria en produción de electricidade”.

O rexeitamento do PP a esta medida chega despois de que o presidente galego, Alfonso Rueda, se abrise, na sesión de control da semana pasada, a solicitar compensacións económicas para o país na súa condición de gran produtor eléctrico.

Conde sobre Greenalia

O debate sobre unha tarifa propia antecedeu a comparecencia do vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, para explicar a “exención” do pago de 11,7 millóns de euros á empresa eólica Greenalia por parte do Goberno galego. 

A presenza de Conde na Cámara, demandada polos nacionalistas, non serviu para clarificar as dúbidas sobre un procedemento que a asociación ecoloxista Adega denunciou na Fiscalía. Neste sentido, o responsábel da área económica da Administración galega eludiu responder sobre as preguntas formuladas polo BNG e limitouse a criticar as alternativas destes en materia enerxética.

O deputado Luís Bará interpelou Francisco Conde sobre “que teñen que agochar, a quen están defendendo e por que non teñen a valentía de defender as súas decisións”. Nesta dirección, o parlamentario nacionalista acusou os populares de “soprepasar todos os límites no trato de favor a Greenalia”, advertiu que o caso denunciado por Adega “é a punta de iceberg do que están facendo vostedes” e reprochou que “non se poden facer tantas trampas e tantos 'chanchullos' de forma permanente”. 

Comentarios