O PP négase a informar do concurso eólico de 2010

O BNG interpelará o vicepresidente Francisco Conde en relación co plan industrial de Greenalia.
Adega e BNG advirten da "vulneración" de normas comunitarias na tramitación de proxectos eólicos. (Foto: Y. C.)
photo_camera Adega denunciou perante a Fiscalía unha resolución do Goberno galego que "eximiu" Greenalia de pagar até 11 millóns de euros no marco do concurso eólico de 2010. (Foto: Jennifer Miguez)

O Partido Popular rexeitou esta cuarta feira no Parlamento da Galiza “elaborar un informe” sobre “as causas e consecuencias da parálise do desenvolvemento do sector eólico entre os anos 2009 e 2018, os proxectos eólicos desenvolvidos neste período e a potencia instalada” e “os plans industriais previstos no concurso eólico de 2010, o seu grao de desenvolvemento e os plans que foron monetizados”.

A iniciativa presentada polo deputado do Bloque Nacionalista Galego, Luís Bará, e apoiada polo grupo parlamentario do PSdeG, pretendía recadar información sobre algúns dos supostos denunciados, recentemente, por Adega na Fiscalía. Precisamente, a entidade ecoloxista denunciou hai dúas semanas a actual secretaria xeral de Industria, Paula Uría, por ditar unha resolución que en opinión do colectivo significou “eximir” do pago de 11,7 millóns de euros á empresa Greenalia.

Bará considera que “non é casual a negativa do PP de fornecer información sobre este tema, na liña da posición mantida na pasada semana na Cámara polo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta da Galiza, Pablo Fernández Vila".

Nesta dirección, sinalou que os nacionalistas rexistraron unha iniciativa na Cámara galega para que “o vicepresidente primeiro da Xunta e máximo responsábel da área económica da Xunta da Galiza, Francisco Conde, respondese sobre as irregularidades cometidas neste expediente, que xa podemos definir como o caso Greenalia”.

O BNG denunciou, tamén, a situación criada na paisaxe protexida de Penedos de Pasarela e Traba, nos concellos de Vimianzo e Laxe, por  "dous proxectos eólicos que vulneran a normativa ambiental e afectarían á Rede Natura e á economía local e comarcal da Costa da Morte".

Eólicos na Costa da Morte

O deputado nacionalista Daniel Pérez alertou esta cuarta feira de que os proxectos Monte Chan e mais Pena dos Mouros contemplan a instalación de varios aeroxeradores no interior da paisaxe protexida, "unha paisaxe singular, case única no mundo".

Pérez alertou que afectará tamén a Zona de Especial Conservación (ZEC) e a Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) 'Costa da Morte'. Neste sentido, o deputado nacionalista aseverou que “o parque Pena dos Mouros, vulnera a lexislación europea" en relación aos recursos hídricos.

Comentarios