A Xunta nega ter recibido unha denuncia de Adega por presuntamente favorecer Greenalia

Adega presentou unha denuncia perante a Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña contra a Xunta por presunta prevaricación e malversación de fondos vinculados coa tramitación do plan industrial para o desenvolvemento de dous proxectos eólicos de Greenalia Wind Power.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, no Parlamento (Foto: Xoán Crespo).
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, no Parlamento (Foto: Xoán Crespo).

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, asegurou que a Xunta da Galiza non recibiu ningunha notificación xudicial sobre a denuncia presentada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) ante a Fiscalía de Medio Ambiente.

Conde aproveitou para arremeter contra o BNG, organización que xa preguntara á Xunta por esta cuestión a través do seu deputado no Parlamento da Galiza, Luís Bará.

Na súa resposta en pleno parlamentario, o tamén vicepresidente primeiro da Xunta asegurou que o BNG "está entre eses grupos políticos que queren anular a autonomía do poder xudicial para impor as sentenzas que queren ditar", en referencia á crise do Constitucional.

Denuncia de Adega

Adega presentou unha denuncia perante a Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña contra a Xunta por presunta prevaricación e malversación de fondos vinculados coa tramitación do plan industrial para o desenvolvemento de dous proxectos eólicos de Greenalia Wind Power.

Segundo os seus representantes, Kaekias Eólica S.A. conseguiu, na Orde do 29 de marzo de 2010, a asignación de 75MW para desenvolver os parques eólicos de Campelo e Lamas de Feás co compromiso de executar un plan industrial específico, ou de monetizalo nun importe económico que tería que ser depositado no fondo capital-risco do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Adega sinalou, no seu relato, que Kaekias Eólica escolleu a opción de monetizar os parques industriais por un valor de 11.721.971 euros.

A pesar de a Xunta se reafirmar en asegurar que non recibiu a denuncia, desde Adega indican que a demanda é pública e que se pode consultar na súa páxina web.

En 2016 o Grupo Greenalia absorbeu a empresa Kaekias Eólica e a titularidade dos proxectos eólicos Campelo e Lamas, de Feás, xunto con compromisos vinculados a ambos os proxectos, que non se levou a cabo.

Adega sinalou que os feitos denunciados están relacionados coa resolución administrativa emitida o 21 de xullo de 2021 pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais na cal se dá por executado o plan industrial que comprometía a asignación de potencia para os parques eólicos no concurso da Xunta de 2010.

Comentarios