O PP mira cara ao Estado ante a crise da hostalaría

O PP galego reivindica axudas directas para o sector da hostalaría e o turismo ao Executivo estatal, mentres entidades da hostalaría e a oposición cualifican de "insuficietes" as axudas da Xunta e reclama indemnizacións. A Deputación de Pontevedra anunciou esta sexta feira, 5 de febreiro, 1,6 millóns para os concellos ofreceren axudas directas.

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado (Foto: Arxina)
photo_camera O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado (Foto: Arxina)

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, reivindicou axudas directas para o sector da hostalaría e o turismo, reclamando a "implicación urxente" do Executivo estatal, o cal, dixo, "négase a axudar os hostaleiros, ao contrario do que está a facer a Xunta", explicou en referencia aos créditos ICO dispostos polo Estado para este sector.

Precisamente, entidades de hostaleiros e os grupos da oposición no Parlamento, BNG e PSdeG, critican de "insuficientes as axudas da Xunta" e piden un plan de rescate que contemple indemnizacións ao sector. E todo poucos días despois de que o Goberno galego declinase fechar un acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións para crear unha xanela única de axudas en que  Xunta, deputacións e concellos achegasen 1% dos seus respectivos orzamentos. 

Plans para Besteiro

Durante unha comparecencia ante os medios esta sexta feira, 5 de febreiro, Miguel Tellado mostrouse convencido de que o auto xudicial que esta semana arquivou o caso do 'Garañón' -co que ficaron exculpados o ex secretario xeral dos socialistas, Gómez Besteiro, e o ex alcalde de Lugo, López Orozco- "deu por iniciada a campaña interna no Partido dos Socialistas de Galicia para o seu Congreso deste ano".

Tellado ve claro que coa absolución, Besteiro pelexará pola Secretaría Xeral do partido co actual líder, Gonzalo Caballero. 

Cumio territorial do PP

Tamén se referiu Tellado ás eleccións en Catalunya do próximo 14 de febreiro nas que para o PP catalán Galiza é "o exemplo de convivencia a seguir", dixo, ao tempo que criticou a relación do BNG con Esquerra Republicana de Catalunya, en cuxo mitin deste domingo participará por videoconferencia a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.

Tellado tamén avanzou que este domingo, o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feixoo, participará nun acto de campaña en que acompañará por videoconferencia o candidato popular en Catalunya, Alejandro Fernández.

Precisamente, o presidente do PP, Pablo Casado, prepara un grande acto de campaña este domingo cos baróns territoriais do partido para pór en valor a formación e dar un impulso á campaña do catalán Alejandro Fernández.

Deputación de Pontevedra pon 1,6 millóns para axudas directas 

A Deputación de Pontevedra ten previsto aprobar a vindeira semana o suplemento de crédito para destinar 1% do seu orzamento, 1.640.000 euros, aos Concellos para que xestionen as axudas que serán directas e finalistas para os sectores afectados.

En total, sumando estes 1,6 millóns e os 6 millóns que a Deputación xa habilitou a través do Plan Concellos, os municipios teñen a súa disposición máis de 7,6 millóns de euros para apoiar os sectores que se viron obrigados a fechar ou que se atopan afectados polas restricións impostas pola Xunta da Galiza, segundo anunciou a presidenta de Deputación, a socialista Carmela Silva.

Comentarios