Casado afirma que Feixoo e Ayuso "están a facelo exactamente igual" na xestión da pandemia

"O Goberno español quitouse de no medio. Na terceira onda, o único que fixo Sánchez é ensinar as vacinas e poñerlle un adhesivo", denunciou.
Feixoo con Díaz Ayuso nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Feixoo con Díaz Ayuso nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O líder do PP, Pablo Casado, asegurou hoxe nunha entrevista na Cadea Ser que o presidente da Xunta, Núñez Feixoo, e a súa homóloga na Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, "están a facelo exactamente igual" na xestión da pandemia.

Así o trasladou despois de que o mandatario galego afirmase este domingo nunha entrevista con La Voz de Galicia que el "non se sentiría responsábel" se tivese que aplicar na Galiza as medidas contra a pandemia aprobadas na Comunidade de Madrid, onde a hostalería continúa aberta. "Por tanto, optei por outra (decisión)”, dixo.

En canto a se prefire o modelo de xestión de  Ayuso ou o do galego, Casado afirmou que "estano facendo exactamente igual" e engadiu que os "criterios son os da OMS". Ademais, subliñou que o hospital Zendal aberto en Madrid permitiu que haxa máis hospitalización.

Casado insistiu en que o Goberno de España é o competente en materia de pandemias e debe haber unha estratexia a nivel de Estado. "Pero o Goberno español quitouse de no medio. Na terceira onda, o único que fixo Sánchez é ensinar as vacinas e poñerlle un adhesivo", denunciou.

Ademais, afirmou que o " triunfalismo" do Goberno "tamén lle preocupa" porque, á parte de "os 90.000 falecidos", hai "cinco millóns de persoas en España que non poden traballar polos estragos da pandemia".

Comentarios