As deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo lamentan a "oportunidade perdida" coa hostalaría

Critican a "falta de vontade negociadora" do Executivo galego e propoñen destinar 1% do orzamento a este sector.
Manifestación do sector hostaleiro, esta sexta feira, en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Manifestación do sector hostaleiro, esta sexta feira, en Compostela (Foto: Arxina).

Esta sexta feira coñeciamos a noticia de que a reunión entre Xunta, deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para artellar o plan de rescate á hostalaría rematara sen acordo. O fracaso das negociacións debeuse, en gran medida, á falta de entendemento no tocante ao control da xestión dos fondos.

As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra lamentaron este sábado que, deste modo, o Executivo galego perda "unha oportunidade" para impulsar un plan coordinado de rescate á hostalaría dotado de 140 millóns de euros.

"Os concellos teñen unha acreditada capacidade de xestión, xa que foron a primeira administración en dar resposta ás graves consecuencias sociais e económicas provocadas pola pandemia da Covid-19", argumentan os entes provinciais, que pediron que sexan os concellos quen xestionen os fondos.

Así mesmo, salientan que na Galiza "xa hai moitos concellos que non tiveron problema en dar axudas de forma inmediata porque habilitaron sistemas que eliminaban burocracia e tempo, para que dunha forma fácil e áxil os sectores máis afectados puideran ter os fondos".

"Os datos son claros: os concellos veñen demostrando que son moito más áxiles, rápidos e eficaces nos pagos de facturas que a propia administración autonómica", engaden.

1% do orzamento, para a hostalaría

Para os gobernos provinciais, no encontro houbo "falta de vontade negociadora" por parte da Xunta, que apostaba "en solitario" por destinar "75 millóns para todos os sectores", no canto de aceptar as súas propostas de cara a lograr un plan máis potente e que permita afrontar parte das consecuencias da pandemia.

Deste modo, as tres deputacións incidiron en que a proposta de "1% hostaleiro" é un sistema "xusto e proporcional, igual para todos", e comprometéronse a destinar 1% dos seus orzamentos a un plan coordinado de rescate dun sector "que atravesa unha situación crítica, aínda que a Xunta, cun orzamento 100 veces superior, só achegue 0,6% (75 millóns)".

Comentarios