domingo 01/08/21

Os populares fechan portas ao consenso para a reactivación

A andaina da comisión para a reactivación social, económica e cultural chegou á súa fin sen consensos. A comisión parlamentar foi articulada nesta lexislatura co obxectivo de sentar as bases da nova Galiza posCovid. Porén, o pleno do Parlamento deu luz verde ao ditame final da comisión cos votos do PP en solitario e coas críticas da oposición ao texto por ser "de parte" e optar polo "continuísmo con vellas receitas fracasadas".
O pleno do Parlamento galego aprobou o ditame da comisión de reactivación da Galiza.
O pleno do Parlamento galego aprobou o ditame da comisión de reactivación da Galiza. (Foto: Parlamento da Galiza)

O ditame da comisión de reactivación aprobado esta terrza feira, 13 de xullo, na Cámara servirá, segundo o PP, para a "Galiza do futuro, a recuperación da pandemia e crear emprego de calidade para os mozos". Así o afirmou o portavoz parlamentar dos populares,

Pedro Puy, que defendeu un texto con 500 medidas para a recuperación fronte ao impacto da pandemia, e no que se inclúe medio cento de transaccións coa oposición, tras un "longo" traballo cunhas 50 comparecencias e máis de 150 informes.

Só 1% do orzamento da Xunta para a reactivación

O ditame conta cun anexo para investir nas conclusións da comisión de reactivacións uns 115 millóns de euros, apenas 1% do gasto non financeiro dos orzamentos da Xunta. 24% deste fondo dirixirase ás Administracións municipais. 

Fronte a Puy situouse a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que recriminou ao PP que limitara a negociación na comisión a un "simulacro" para dar lugar a un texto "de parte", "autocompracente" e sen respostas "á altura do momento".

A nacionalista lamentou que o "PP vetara todas as propostas do BNG para reforzar a sanidade pública, garantir o dereito a unha vellez digna, sentar as bases dun novo modelo económico sustentábel desde a ciencia e a investigación ou as iniciativas a favor da igualdade real". Recordou Pontón as súas propostas para reforzar a Atención Primaria cun investimento de 25% do orzamento de Sanidade. No ámbito social, defendeu a xestión pública directa das sete residencias de maiores cuxa construción está prevista nas cidades, ademais do compromiso de remitir á Cámara una nova Lei de residencias que garanta o dereito a unha vellez digna.

No económico, propuxo un novo modelo de desenvolvemento verde, un pacto galego pola ciencia e aumentar os fondos a esta materia até acadar o equivalente a 2,5% do PIB, así como a creación do instituto InnoGal. Aliás, defendeu unha banca pública a creación dun Instituto Galego de Crédito como entidade pública cun capital inicial de 10 millóns, para garantir liquidez ás pemes, ao tecido produtivo e a sectores estratéxicos de futuro.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cargou contra un ditame "insuficiente" e cheo de "políticas conservadoras que dan as costas á Galiza". Debullou ademais a proposta socialista impulsada na comisión e vetada polo PP: a creación de 5.000 novas prazas estábeis na sanidade pública, aumentar os profesionais de servizos sociais e manter o próximo curso todo o profesorado de reforzo contratado este ano pola pandemia.  

“O PP tamén di non”, proseguiu, a tomar medidas contra a pobreza e a desigualdade, a centrarse na reindustrialización da Galiza, a destinar a I+D+i até 1,5% do PIB galego, a contratar 2.000 investigadores ou a aumentar o investimento en cultura até 1% do orzamento".

comentarios