O BNG presenta 170 propostas para saír da crise

O BNG denunciou a "parálise" na que o Partido Popular mantén a comisión parlamentaria de reactivación nove meses despois da súa creación, seguindo a estratexia utilizada para "boicotear" a comisión de investigación sobre a desaparición das caixas de aforro galegas.

De esquerda a dereita, Olalla Rodil, Ana Pontón e Noa Presas (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera De esquerda a dereita, Olalla Rodil, Ana Pontón e Noa Presas (Imaxe: Nós Diario)

Así o asegurou a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, nunha rolda de prensa ofrecida esta sexta feira, na que sostivo que "tanto o PP como o Goberno da Xunta utilizaron esta comisión como unha pantalla, como un simulacro porque a súa oferta de diálogo nunca foi sincera".

"Demóstrao o feito de que apenas reservaron migallas do orzamento para os proxectos da comisión e que nove meses despois da súa constitución non se avanzou nada", denunciou Pontón acompañada das deputadas Olalla Rodil e Noa Presas.

Na súa comparecencia, Pontón criticou que, a estas alturas, non haxa "un plan de país para enfrontar a reactivación", cun PP que "actúa con opacidade e pretende que os fondos cheguen ás grandes empresas ignorando ás pemes".

Fronte a iso, despois de anunciar o rexistro do ditame do BNG con 170 medidas a curto, medio e longo prazo para encarar a reactivación económica, social e cultural da Galiza poscovid, subliñou que a súa formación aposta pola descentralización, polo tecido produtivo de base e por unha saída xusta da crise.

"Medidas transformadoras para un novo modelo económico verde, baseado na ciencia e na investigación, que fomente a creación de emprego, que favoreza o equilibrio ambiental e a igualdade de xénero, conscientes de que as decisións que tomemos determinarán o modelo de sociedade e de país para as próximas décadas", argumentou a líder do Bloque.

Cinco grandes eixos

Segundo explicou, as medidas recollidas no ditame aglutinan ao redor de cinco grandes propostas de actuación: servizos públicos, intervención pública na economía, reorientación do modelo produtivo en base á I+D+i, estratexia ambiental e dixital e igualdade e dereitos sociais.

No primeiro punto, o obxectivo é blindar a sanidade, a atención aos maiores e a educación fronte "ao modelo privatizador do PP", garantindo o equilibrio territorial e a cohesión social. Neste ámbito, insiste en investigar o sucedido nas residencias durante a pandemia e avanzar cara a un modelo de coidados da vellez que empezo pola xestión pública directa destes centros.

En relación á sanidade, urxiu reforzar a atención primaria, que debe recibir o 25% dos orzamentos, para recuperar a atención presencial e acabar coas listas de espera. En materia de Educación, reforzar a educación pública nun contexto no que o PP impulsa unha universidade privada.

Contratación pública responsábel

O Bloque ve necesario intervir na economía desde a Administración, apostando por unha contratación responsábel que inclúa cláusulas sociais, a creación dunha banca pública como instrumento financeiro ao servizo da economía real e dos sectores produtivos ou para achegar capital para desenvolver accións estratéxicas de país.

Así mesmo, avoga por reorientar o modelo desde a ciencia e a investigación, apostando pola tecnoloxía, a creación de coñecemento e a actividade industrial.

Nesa dirección, o ditame fixa como obxectivo que o 25% do PIB sexa achegado polo sector industrial no horizonte 2030, un pacto galego pola ciencia e a creación do Innogal como programa de atracción de persoal investigador, entre outras cuestións.

Mudar o "modelo depredador"

En canto á estratexia ambiental, o Bloque Nacionalista Galego avoga por cambiar "o modelo depredador" que, na súa opinión, asigna a Galiza o "papel de mera subministradora de materias primas e de enerxía". Ademais, pide impulsar a transformación dixital inclusiva a través dun consorcio específico coa participación da Xunta, concellos e universidades.

Por último, no ámbito da igualdade e os dereitos sociais, o ditame inclúe medidas a favor do dereito efectivo a unha vivenda, a través dunha estratexia que incremente o parque público de vivendas.

Ademais, este quinto eixo inclúe medidas para fomentar o emprego nos sectores con máis dificultades para atopar traballo, como as mulleres e os mozos. Tamén contempla políticas a favor da igualdade real co obxectivo de conseguir unha Galiza libre de violencias machistas.

Comentarios