Aprobado, entre críticas, o ditame da comisión de reactivación

A oposición alerta de "novos recortes" e de "abandono aos galegos", mentres o PP defende que se trata dun "bo documento para o traballo do goberno nos vindeiros anos". O texto será debatido en sede parlamentaria.
Imaxe de arquivo dunha comisión parlamentaria (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Imaxe de arquivo da comisión parlamentaria de reactivación (Foto: Parlamento da Galiza).

"Unha oportunidade perdida". Así cualificaron nesta terza feira, 29 de xuño, as forzas da oposición o ditame da comisión parlamentaria de reactivación, cuxa votación se realizou en tres grupos de emendas. O PPdeG votou a favor de todas, mentres o PSdeG abstívose e o BNG apoiou unha delas, rexeitou outra e absténdose na terceira. O texto recolle máis de 400 medidas para a transformación económica e o reforzo dos servizos públicos que serán debatidas na Cámara nas vindeiras semanas.

Olalla Rodil, do BNG, censurou o “incumprimento manifesto” do plan de traballo para a comisión, dado que se fixara o obxectivo de que as tarefas estivesen concluídas antes do remate do pasado mes de xaneiro.

Neste senso, lamentou que o ditame é "continuista", e criticou que os efectos da crise a paguen "as maiorías sociais", en alusión a que algunhas das propostas "soan a preludios de novos recortes".

Así, salientou que o grupo nacionalista presentou 182 propostas, e botou en falta maiores recursos para a sanidade, as residencias e a ciencia, xa que o PP "rexeitou" comprometerse a dedicar 25% do orzamento da Consellaría de Sanidade a mellorar a Atención Primaria.

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, xustificou a abstención como forma de "tender a man" de cara a que os populares se abran a alcanzar acordos en sesión plenaria. Porén, advertiu que, de non se producir melloras, a súa formación oporase, xa que este informe "suspende" e "abandona ás e os galegos".

Un dos puntos nos que a oposición reclama melloras é o chamado "fondo de consenso", composto por 115 millóns de euros, que consideraron "insuficiente" e lembraron que "aínda non teñen destino".

Pola súa banda, o portavoz popular, Pedro Puy, afirmou que se trata dun "bo documento para o traballo do goberno nos vindeiros anos", e salientou que nel se inclúen 46 transaccións pactadas con BNG e PSdeG.

Comentarios