Pontón pon como aval “os gobernos de éxito do BNG” nun multitudinario encontro en Santiago

Este sábado o BNG reuniu en Santiago, nun multitudinario encontro nacional, ás candidatas e aos candidatos ás eleccións municipais do 28 de maio. No acto interveu a portavoz nacional, Ana Pontón” proclamando que o Bloque é “o dream team da política municipal e o 28M saímos a gañar, con humildade pero coa máxima ambición”.
Ana Pontón, en Santiago, acompañada de candidatas e candidatos no escenario (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, en Santiago, acompañada de candidatas e candidatos no escenario (Foto: Nós Diario).

Santiago acolleu a mañá deste domingo un multitudinario encontro nacional municipal no que participaron candidatas e candidatos ás eleccións do 28 de maio, ademais de cargos políticos e militancia.

Diante dun ateigado Pazo de congresos e exposicións, interveu a portavoz nacional, Ana Pontón, para proclamar que o BNG concorre á cita sen pórse límites.

Pontón sinalou que “a política municipal non é fútbol, pero se o fora, o BNG ten o dream team da política municipal, por iso imos a por todas, saímos a gañar, con humildade pero coa máxima ambición!”.

A líder nacionalista proclamou estar convencida de que o aval que representa o modelo municipal de éxito do Bloque, sumado ao feito de ter os “mellores candidatos e candidatas”, dará á forza nacionalista un resultado “histórico” o 28M.

Para Pontón “o BNG ten proxecto e representa o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega; porque representa as solucións máis vangardistas e avanzadas adaptadas á nosa realidade e porque os concellos onde gobernamos son o mellor exemplo de como construír vilas e cidades con futuro”.

Gobernos “exemplo”

En opinión da portavoz nacional do BNG, os gobernos nacionalistas “son exemplo de como transformar a realidade desde un concello, conseguindo metas case impensábeis e superando barreiras que parecían infranqueábeis; son exemplo de como facer avanzar unha cidade, unha vila ou un concello rural a un ritmo rápido e positivo; exemplo de como derrubar eses lugares comúns que limitaban o noso potencial e son exemplo do importante que é pensar en grande”.

No seu discurso, Pontón contrapuxo a visión “en grande” dos gobernos  nacionalistas con aquelas forzas ancoradas na ladaíña do “non se pode, do non hai nada que facer”, dunha dereita “acomplexada” e dunha esquerda “cegada” por Madrid. “Os gobernos do BNG nunca puxeron límites aos seus soños e foron quen de facelos realidade”, subliñou, “por iso os concellos que lideramos construíron un modelo propio e xenuíno que hoxe é referente”.

Traballo municipal

A líder do BNG non esqueceu o traballo que a súa formación fai na oposición municipal “con rigor, solvencia e sempre pensando no mellor para a veciñanza”.

Pontón convidou a todos os candidatos e candidatas nacionalistas “a pensar os concellos en grande”, con propostas que sexan en positivo, con determinación, con ilusión e coa man tendida. Así, destacou, “conseguiremos avanzar, avanzar e avanzar”. A portavoz nacional concluíu a súa intervención da mesma maneira que a comezou, instando a ir a por todas, “a saír a ganar, con toda a humildade pero coa máxima ambición por que o noso obxectivo é construír unha nova Galiza concello a concello”.

A portavoz nacionalista asegurou estar convencida que “nas rúas, nas prazas, nas empresas hai unha enorme ilusión e esperanza en torno ao BNG, porque se quere outra forma de facer política e, fronte aos de sempre, é o momento de darlle unha oportunidade a un BNG que te proxecto e representa o empuxe e o optimismo que Galiza necesita”.

Participación de candidatas e candidatos

Ana Pontón, fechou un encontro que estivo conducido pola escritora Charo Lopes e que contou coas intervencións das persoas que optan a Alcaldía das grandes cidades: Francisco Jorquera (A Coruña); Rubén Arroxo (Lugo), Luís Seara (Ourense), Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra), Goretti Sanmartín (Santiago), Iván Rivas (Ferrol) e Xabier Pérez Igrexas (Vigo).

Tamén pasaron polo atril unha representación de candidatos e candidatas nas catro provincias, como a cabeza de lista en Tomiño (Baixo Miño), Sandra González; a de Barreiro (A Mariña), Ana Ermida; a de Allariz, Cristina Cid; a de Moaña (O Morrazo), Leticia Santos, todas elas xa alcaldesas, así como a candidata á Alcaldía da Rúa (Valdeorras), María Albert.  

Comentarios