O BNG propón un plan de vivenda pública en aluguer nas cidades

Pontón critica o "abandono" do Goberno galego en política de vivenda.
VIVENDA_BNG_COMPOSTELA_15M_1
photo_camera Marta Gómez, Goretti Sanmartín e Ana Pontón.

O BNG propón un plan de vivenda pública en aluguer nas cidades galegas destinado á xente moza e ás familias con menos renda. Esta foi a proposta que onte debullou no barrio compostelán do Castiñeiriño a portavoz nacional do BNG, Ana pontón, e a candidata nacionalista á Alcaldía, Goretti Sanmartín, e a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez.

Pontón cualificou de "impresentábel" a falta de alternativas do Goberno galego ao longo destes anos, que "ten abandonado case por completo a promoción de vivenda pública para venda e para aluguer", denunciou. Prometeu, dixo a líder da oposición, 870 novas vivendas de promoción pública no anterior plan de vivenda de 2015-2020. "Finalmente adxudicou menos de 40", indicou.

A portavoz incidiu en que desde 2016 o aluguer aumentou en Galiza un 25%, o que implica que os galegos e galegas pagan de media 1.120 euros máis cada ano. "En cidades como A Coruña, Santiago ou Vigo, os incrementos oscilan entre os 1.500, 1.300 e 1.700 euros, respectivamente, xerando unha situación insostíbel".

Cinco medidas

Por iso, explicou Ana Pontón, o BNG presenta unha serie de medidas, como as axudas ao aluguer para a mocidade, crear un parque de vivenda pública en aluguer que achegue a Galiza ao entorno europeo, dispór unha bolsa de vivenda para estudantes, ou a mobilización de vivenda baleira e contención de prezos. 

Outra medida que o nacionalismo pon riba da mesa é que o Estado ceda á Xunta todas as vivendas que a Sareb teña na Galiza e que se sexan aptas para uso residencial.

A portavoz municipal e candidata á Alcaldía da capital galega, Goretti Sanmartín, anunciou que "o BNG comprométese a realizar un plan, en colaboración coas Administracións con competencias en vivenda, para favorecer a venda ou aluguer das 9.500 vivendas baleiras existentes segundo o INE en Santiago". 

Comentarios