O BNG congregará este domingo, nun encontro municipal en Santiago, ás candidatas e aos candidatos ao 28M

O acto contará coa intervención da portavoz nacional e dunha ampla representación das persoas que lideran as candidaturas, incluídas ás que encabezan as listas nas grandes cidades.

Ana Pontón e Miguel Anxo Fernández Lores, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Miguel Anxo Fernández Lores, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

O BNG reunirá este domingo en Compostela a responsábeis políticos, candidatas e candidatos aos comicios do 28 de maio. Será un multitudinario Encontro nacional municipal que decorrerá no Pazo de congresos e exposicións de Santiago baixo o lema ‘Unha nova Galiza, concello a concello’.

O encontro estará conducido pola escritora Charo Lopes e a  portavoz nacional, Ana Pontón, será a encargada de fechalo.

Durante o acto intervirán unha ampla representación de candidatas e candidatos, incluídas as persoas que optan a Alcaldía das grandes cidades: Francisco Jorquera (A Coruña); Rubén Arroxo (Lugo), Luís Seara (Ourense), Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra), Goretti Sanmartín (Santiago), Iván Rivas (Ferrol), Xabier Pérez Igrexas (Vigo).

O evento servirá para pór en valor o modelo municipal do BNG salientando, segundo a formación nacionalista, “os concellos que funcionan, que xestionan con eficacia, transparentes, que transforman en positivo e que melloran a vida da veciñanza”.

A coordinadora de campaña do BNG, Carme da Silva, explica que "os concellos liderados polo Bloque avanzan, teñen empuxe e dinamismo no económico, no social e no cultural, un aval excelente para pedir a confianza dos galegos e das galega na cita electoral do 28M".

O encontro nacional ven precedido dos actos de presentación de candidaturas nas principais municipios e cidades do país e supón o gran punto de arranque da precampaña municipal do BNG, un cita electoral que afrontan, afirman, “co obxectivo de obter un resultado histórico e aumentar a súa representación con máis alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras”.

É a mensaxe na que insiste a líder da formación, Ana Pontón, que asegura que o Bloque sae a por todas nestes comicios e sen pórse límite algún, convencida de que o modelo municipal que ofrece o BNG vai ter un gran respaldo nas urnas.

A formación nacionalista aproveitará o acto para trasladar á sociedade o seu proxecto municipal a través dos seus concellos, “e desde a confianza de que é posíbel construír unha nova Galiza, como xa demostra o BNG desde os municipios que goberna”. Igualmente, permitirá activar a forza organizativa do Bloque de cara á precampaña.

Comentarios