O BNG presenta Francisco Jorquera como o único alcaldábel "coas mans libres para defender a Coruña"

O proxecto que lidera Jorquera, afirmou Pontón, será capaz de colocar á cidade “na vangarda en urbanismo, nunha mobilidade sustentábel e no acceso á vivenda".
Francisco Jorquera e Ana Pontón esta quinta feira na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Francisco Jorquera e Ana Pontón esta quinta feira na Coruña (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou no acto de presentación da candidatura do BNG na Coruña ás eleccións municipais do 28M, candidatura encabezada por Francisco Jorquera, a que definiu “con todo orgullo” como “o alcalde que A Coruña necesita para situarse á vangarda da Galiza e recuperar o pulso perdido”, un candidato que é “sinónimo de compromiso, traballo, solvencia e confiabilidade, alguén que sempre está aí, accesíbel e aberto a toda a veciñanza, alguén que sabes que non che vai fallar”.

Ademais, destacou Pontón na súa intervención, “Jorquera ten algo máis que o fai único: será un alcalde coas mans libres para defender A Coruña ante o Goberno da Xunta e ante o Goberno do Estado, sen estar preso do servilismo a Madrid”.

Ao contrario, “o próximo alcalde terá como único referente os intereses dos coruñeses e das coruñesas, as súas ilusións e esperanzas, as súas expectativas por construír unha cidade mellor para todos e  para todas. Será a voz que loite polos intereses de todos e cada un dos veciños e das veciñas desta cidade”, recalcou a líder do Bloque.

O proxecto que lidera Jorquera, afondou, será capaz de colocar á cidade “na vangarda en urbanismo, nunha mobilidade sustentábel, no acceso á vivenda, na defensa dos servizos públicos de calidade; á vangarda en ciencia e innovación, agora máis que nunca que vai situarse como referente en intelixencia artificial. E tamén unha cidade de vangarda no ámbito cultural e artístico”, proclamou na súa intervención.

Pola súa parte, Jorquera deixou claro que lidera a mellor das candidaturas e que vai a por todas na cita electoral. Nese sentido, pediulle ás coruñesas e aos coruñeses que o próximo 28 de maio confíen no BNG para liderar o Goberno Local e para protagonizar o “cambio de rumbo” que a cidade necesita.

"Imos a por todas"

“Nas vindeiras eleccións municipais, imos a por todas”, afirmou Jorquera, quen remarcou que o obxectivo do Bloque “é liderar esta cidade e, co voso apoio, estou certo de que o imos conseguir”, porque A Coruña non ten que resignarse a elixir entre catro anos máis de estancamento o unha volta ao pasado, porque ten a alternativa de apostar polo cambio de rumbo cara a un futuro mellor que representa o BNG.

Unha cidade que potencie a economía verde, “vinculada á posta en valor dos produtos de proximidade, dos produtos da terra” e que apoie decididamente o pequeno comercio, “porque o comercio local é unha fonte de riqueza e emprego”. “Termos un comercio local vizoso significa termos barrios vivos e seguros”, engadiu, Jorquera.

“A Coruña que queremos ten de ser tamén o faro cultural da Galiza, unha Coruña creativa en todos os eidos da cultura, que conte cun Goberno Local que terme das súas potencialidades”, remarcou, destacando que o proxecto que o BNG ofrece á cidade ten razón e corazón.

“Temos proxecto, ideas e capacidade; corazón porque temos ilusión e forza para materializalas”, concluíu Jorquera, nun acto no que tamén interviñeron integrantes da candidatura como Avia Veira, Mercedes Queixas, Nacho Siota e David Soto, entre outros.

Comentarios