Pontón pon en valor o "modelo municipal BNG" de cara ao 28-M

A portavoz pon o nacionalismo como garante de "avance".
Ana Pontón presentou esta quinta feira a Rubén Arroxo como candidato nacionalista á Alcaldía de Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón presentou esta quinta feira a Rubén Arroxo como candidato nacionalista á Alcaldía de Lugo. (Foto: Nós Diario)

O "modelo municipal BNG" é unha marca e unha garantía dunha xestión dos Concellos "rigorosa" e ao "servizo da veciñanza". Así o manifestou onte a portavoz nacional da organización nacionalista, Ana Pontón, que pola mañá arroupou a presentación da candidatura liderada por Sofía García no Carballiño e pola tarde fixo o mesmo co alcaldábel do BNG por Lugo, Rubén Arroxo. En ambos os dous casos, Pontón situou o nacionalismo como a "garantía"  duns Concellos ao servizo da veciñanza e de que está en marcha o "cambio real" que vai "mellorar" a vida dos galegos e galegas.

Pontón presentou Arroxo como o próximo alcalde de Lugo, após ser o "motor das grandes transformacións levadas a cabo na cidade" durante o presente mandato. "Rubén, tes experiencia, tes solvencia,  tes proxecto de cidade, tes o empuxe e a forza para levalo a cabo, e tes amor por Lugo. Estás preparado para liderar Lugo tras levar a iniciativa política na cidade ", proclamou Pontón. Na súa intervención, Rubén Arroxo destacou que o Bloque "cumpriu con 95% do programa" co que se presentou, "impulsando desde o Goberno municipal o cambio real". 

"Calidade de vida"

O candidato nacionalista destacou a rehabilitación de espazos como A Mosqueira, Quiroga Ballesteros ou as rúas do barrio de Recatelo, incidindo na peonalización de quince rúas e espazos públicos.   Nesta liña, Arroxo destacou a creación de vieiros escolares e zonas seguras nas contornas educativas, con pasos elevados para peóns e elementos de calmado do tráfico.

Tamén puxo en valor as melloras nos barrios, "achegando máis calidade de vida á veciñanza", así como as medidas impulsadas para conseguir unha urbe mais sostíbel.

A aposta polo comercio local foi outra das liñas de traballo postas en valor por Arroxo, así como p política cultural impulsada polo BNG, así como a defensa dos servizos públicos e de infraestruturas esenciais.

Pontón enfronta o 28-M cunha aposta por pór en valor o traballo realizado polo BNG nos municipios, quer desde o Goberno quer desde a oposición. Mais sempre, indicou a portavoz nacional, defendendo "un modelo de éxito, que funciona, como demostramos alí onde gobernamos, un modelo municipal que transforma, que converte as vilas e cidades en referentes de calidade de vida, de xestión, de participación". 

Comentarios