O 'modelo BNG' nos concellos, eixo da campaña para as municipais

'Merece máis!' será o lema nos municipios onde está na oposición, e 'Máis por vir!', naqueles nos que xa fai parte do Goberno local.
A deputada Olalla Rodil presentou esta sexta feira en rolda de prensa a campaña do BNG para as municipais. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada Olalla Rodil presentou esta sexta feira en rolda de prensa a campaña do BNG para as municipais. (Foto: Nós Diario)

O BNG porá en valor o seu "modelo" propio de goberno nos concellos como idea central da campaña das municipais do próximo 28 de maio. Así, segundo avanzou esta sexta feira a deputada Olalla Rodil en rolda de prensa, nesta campaña utilizarán dous lemas diferenciados nos lugares nos que son oposición e nos que forman parte do Executivo local.

No primeiro caso, a idea central será que eses concellos "merecen moito máis" e poderanse ver carteis coas caras das persoas que sexan cabeza de lista acompañadas do nome do municipio e o lema 'Merece máis!'. Como exemplo, Rodil sinalou municipios como Santiago de Compostela ou Betanzos.

No caso dos concellos nos que xa goberna o Bloque, a intención é trasladar "unha idea de continuidade do proxecto de goberno", baixo o lema 'Máis por vir!', tamén acompañado da fotografía do cabeza de lista correspondente. Estas opcións poderanse ver, tal e como destacou, en localidades como Pontevedra ou Ribadeo.

Visualmente, o BNG continuará coa gama de cores que usou nos últimos tempos, que achegan "optimismo e frescura", así como cun "xogo visual" coa figura dun corazón. Rodil asegurou que estes comicios supoñen "un enorme reto", que preparan co obxectivo de "conseguir un resultado histórico" e co convencemento de que van ser "a forza política que máis creza".

"Saímos a por todas, con espírito gañador, con toda a humildade e coa máxima ambición para obter máis alcaldías, gobernos, e concelleiros", reivindicou. Para iso, explicou que a campaña estará enfocada na "posta en valor do 'modelo BNG' nos concellos", que son "referencia en toda Galiza" e que apostan "pola mellora da calidade de vida" ou "pola dinamización económica e social das localidades".

Tres ideas

Trátase dun modelo "claro e coñecido" e que ten como base "tres ideas fundamentais". A primeira, relatou, que o 'modelo BNG' é "sinónimo de rigor e xestión"; a segunda, "o coñecemento da realidade e do seu potencial"; e a terceira, "pór as persoas no centro das políticas". "Con base nese modelo, desde comezos deste ano estamos a traballar coa idea dunha nova Galiza, concello a concello, que seguiremos usando como lema central para todo o país", detallou Rodil.

Ademais, asegurou que continuarán tratando de "avanzar nun cambio político" que, na súa opinión, "xa comezou despois das eleccións en 2020". "Ese cambio galego ten unha referencia clara con Ana Pontón como cabeza dese proxecto político", salientou.

Rodil tamén avanzou que, "para pór todo a funcionar", a formación nacionalista organizará un "grande encontro" o vindeiro domingo 26 de marzo no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela. Alí reuniranse unhas 1.500 persoas entre candidatas, simpatizantes e representantes do BNG. Os nacionalistas esperan que sexa "un grande acto" co que dar comezo a "unha intensa precampaña" cara ás municipais.

Comentarios