Até dúas mil persoas, segundo o BNG, ateigaron na noite desta sexta feira o recinto feiral de Pontevedra para asistir á cea "aberta á veciñanza" convocada polo BNG da cidade. A portavoz nacional, Ana Pontón, participouno acto acompañando ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a todo o equipo de Goberno.
"Pontevedra é un exemplo de como se pode transformar desde un Concello, superar barreiras e conseguir metas case impensábeis; un exemplo de como un amplo grupo de persoas honradas, humildes, traballadoras, e capaces traballan cada día, dando o mellor para impulsar un ilusionante proxecto común que suma a cada vez máis amplas capas da sociedade", destacou Pontón na súa intervención.
"Aquela vella Pontevedra clasista é hoxe unha cidade con grande cohesión social, un Concello radicalmente democrático que trata as persoas por igual, aquela Pontevedra pesimista e denegrida é alegre, vitalista e optimista", recalcou a portavoz nacional.
Destacou a vitalidade do proxecto do BNG que lidera o actual alcalde. "Vexo a Lores e a todo o seu grupo máis ilusionados que nunca, cheos de ideas, iniciativas e actuacións de futuro. Lores e o seu equipo pensaron e pensan Pontevedra en grande, soñaron con levalo á práctica e xunto coa sociedade de Pontevedra foron quen de estalo facendo realidade".

"Namorado desta cidade"
Na súa intervención, Lores confesouse completamente "namorado" da cidade, "das miñas xentes, da sociedade pontevedresa", declarando que está "no mellor momento" da súa vida política e persoal, "con máis ilusión e proxectos de futuro que nunca. Sinto verdadeira paixón por Pontevedra", recalcou.
"As persoas e as sociedades melloramos cando nos marcamos retos, desde este amor que teño por Pontevedra, propóñovos tanto un reto, un grande reto: avanzar, avanzar, avanzar", proclamou.
De cara á cita electoral, Lores indicou que o BNG vai dar o mellor para ter uns bos resultados o 28 de maio, "pero ollo, o partido hai que xogalo e o resultado non está asegurado. Isto non está feito nin moito menos. Crer que vai ser fácil sería un erro do que nos teríamos que arrepentir, haberá que traballalo moito", instou.
O alcalde pechou a súa intervención agradecendo "de todo corazón" a asistencia de todas as persoas que asistiron a cea, "grazas polo esforzo para estar aquí e estou convencido de que faredes o esforzo de convencer e mobilizar a todas persoas da vosa contorna para que apoien o BNG, o único proxecto que garante que Pontevedra avanza", concluíu.