23-X

Pontón fixa como prioritaria a "transferencia gratuíta" das vivendas da Sareb á Galiza

Pide "unha mobilización masiva" das persoas que "están fartas das mentiras do PP" e dos que queren unha política de vivenda pública

No centro, Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera No centro, Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional de BNG, Ana Pontón, apuntou que "un os seus cabalos de batalla" é a "transferencia gratuíta" das vivendas que ten a Sareb á Galiza, e que até o momento o que ven é a "intención de vendelas".

Así o dixo na mañá desta sexta feira nunha visita a un piso compartido por tres mozas en Compostela. Pontón e a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín estiveron acompañando o deputado do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego.

A nacionalista incidiu en que "queren traballar para mellorar" as posibilidades de acceder a unha vivenda e que saben que é algo que "non se corrixe dun día para outro", pero "si que hai solucións" que se poden "tomar de maneira rápida". Para iso, "o único que se require" é que "exista vontade política".

Desta maneira, remarcou que para o BNG esa transferencia das vivendas da Sareb debe ser gratis e que "non é xusto" que sendo públicas "pretenden que se paguen por elas dúas veces".

Pontón lamentou que a Galiza leva 14 anos cun PP que "dinamitou a política de vivenda pública" que o fixo "xusto no momento no que era máis necesario axudar as persoas". “O PP "decidiu deixar á súa sorte aos galegos, impondo un recorte no apoio á vivenda", incidiu.

Nesta liña, advertiu de que iso "estano a pagar" as galegas e os galegos de hoxe en día xa que a política "que non se fixo" nos últimos 14 anos "influíu en que asistamos a unha subida moi importante dos prezos", tanto da vivenda en propiedade como en alugueiro.

Todo iso, segundo a nacionalista, "sen que a Xunta movese un dedo" e "nin tan sequera se inmutase”.

"Mobilización masiva"

Pontón lembrou que entre o ano 2015 e 2020 o PP "prometeu 870 novas vivendas" das cales "finalmente só adxudicou 40". "Este é o verdadeiro balance do PP de Feixoo que claramente abandonou a xente e a política de vivenda pública", esgrimiu.

Finalmente, Pontón pediu "unha mobilización masiva" o vindeiro 23-X das persoas que "están fartas das mentiras do PP" e tamén dos que "queren que neste país" se faga unha política de vivenda pública, porque "non queren" que acceder a vivenda "sexa unha misión imposíbel".

"Debería ser un dereito"

Pola súa banda, Néstor Rego, candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, remarcou que o obxectivo do BNG é que os galegos e as galegas "vivan mellor", como é "o acceso á vivenda", que en palabras do nacionalista, "debería ser un dereito, pero que non se garante aínda tal dereito".

Ante isto, fixo referencia á Lei da vivenda que na súa opinión "contén algunhas melloras", pero que "non foi capaz de resolver o problema do encarecemento da vivenda, especialmente da de alugueiro".

Rego lembrou que "xa o advertiron no seu momento" e o BNG cre que "hai que actuar nunha dirección moito máis clara, que é pola vía de impulsar vivenda pública en alugueiro".

No caso da Galiza "está claro que non se fixo nada por parte da Xunta" e por parte do Estado español "houbo unha inacción evidente". Así, incidiu en que "levaban varios anos" reclamando a transferencia do parque de vivendas que a Sareb ten na Galiza.

Comentarios