18-F

Pontón comprométese en Lugo a mellorar a axuda no fogar con máis financiamento e reverter a precariedade

O BNG propón que o financiamento que reciben os concellos para o SAF pase de 12 a 20 euros por hora.
Candidatura do BNG por Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Candidatura do BNG por Lugo. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, comprometeuse esta quinta feira en Lugo a reforzar o servizo de axuda no fogar con 86 millóns de euros, así como facer chegar esta prestación a máis familias. Xunto á cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, e outras integrantes da candidatura, Pontón presentou a candidatura por esta circunscrición e aproveitou esta ocasión para abordar a situación da dependencia, nun territorio especialmente envellecido.

Precisamente, Rodil foi unha das redactoras dunha proposta de lei de residencias esta pasada lexislatura, marcada pola crise sanitaria da Covid-19 e a atención ás persoas maiores en centros. Coa idea de atender as persoas nas súas propias vivendas, Pontón manifestou hoxe os seus compromisos cun dos servizos de atención, o de axuda no fogar, coa dobre vertente de mellorar a propia prestación e as condicións do persoal que o desenvolve.

Desta maneira, o BNG propón que o financiamento que reciben os concellos para o SAF pase de 12 a 20 euros por hora, o que permitiría incrementar a calidade desta atención a domicilio. "Garantir o dereito a unha vellez tranquila ás persoas maiores será unha das miñas prioridades como presidenta", afirmou, antes de incidir que, para que iso poida levarse a cabo, ten que haber "servizos públicos de calidade" e, para iso, que "non estea precarizado".

Por iso é polo que Pontón incidiu que as medidas que propón van encamiñadas, tamén, a que administracións "non fomenten a precariedade das mulleres". A dirixente de orixe sarriá tamén se referiu á candidatura que encabeza Olalla Rodil para "pór en marcha un Lugo con máis oportunidades, benestar e futuro".

Ademais, expresou a súa determinación para "liderar o goberno que cumpra con Lugo" e asumiu o compromiso de concluír a autovía Lugo-Monforte na lexislatura.

Comentarios