Pontón cifra en 165 millóns de euros o orzamento para o rural que a Xunta deixa sen executar

Advirte de que quedou sen investir 17% do presuposto
ana pontón semana verde silleda

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou onte a súa visita á 45 edición da Feira da Semana Verde en Silleda (Deza) para destacar o potencial e a relevancia do sector agrogandeiro, estratéxico para Galiza, subliñando que moitas das decisións que impactan no sector se toman en Madrid e, por tanto, a importancia do 23 de xullo para contar cun “grupo galego forte do BNG” capaz de inclinar a política agraria estatal a favor do país.

“Apoiar e potenciar o sector agrogandeiro é clave para dar futuro ao medio rural e este sector tamén se xoga moito nas eleccións do 23 de xullo, porque a política agraria non só se decide en Europa, senón que tamén se decide en Madrid”, afirmou.

Pontón considera “inexplicábel” a falta de apoio por parte do Goberno galego ao sector, un Executivo “que leva 14 anos sen proxecto de futuro para o medio rural”, denunciou, como demostra o feito de que a Consellaría de Medio Rural, denunciou, figure sistematicamente entre os departamentos con menor execución orzamentaria. Así, dixo Pontón, en 2022 deixou se investir un 27,6% do orzamento, 165 millóns de euros “que non chegaron aos produtores, produtoras e empresas do sector agrogandeiro”.

Estratexia galega

Por contra, a portavoz nacionalista apuntou que o BNG conta cunha estratexia para rescatar o medio rural con propostas como a discriminación positiva en materia de servizos públicos; a mobilización de terra agraria abandonada —"100.000 hectáreas no prazo de dez anos"—, tendo en conta que a Galiza posúe unha superficie agraria destinada á produción de alimentos para consumo humano que non chega a 5%, fronte a 25% da media estatal.

As propostas, proseguiu explicando Ana Pontón, tamén inclúen o impulso de medidas como a transformación dos produtos para xerar valor engadido e incrementar as rendas das persoas que traballar no sector; ou mellorar a comercialización dos produtos agrogandeiros.

Comentarios