28-M

A Galiza minguante: só nove das 53 comarcas gañan poboación

É un dos grandes retos da Galiza: frear e reverter un proceso de despoboamento que afecta gran parte dos concellos, non só os do rural, e que para moitos veciños e veciñas é un problema ao que exixen solucións. Unha cuestión que tamén ten presenza na campaña electoral do 28-M.
despoboamento  chalet demografia
photo_camera Urbanización abandonada en Vilalba, na Terra Chá. (Foto: Nós Diario)

Cada vez menos e máis vellos. A perda de poboación na Galiza ten non poucas consecuencias e é unha realidade que afecta de maneira directa á maior parte dos concellos do país. O despoboamento e o avellentamento xa son motivo de preocupación para veciñanza e gobernos locais, e xa son temas presentes na campaña para as eleccións deste 28 de maio.

Só nove das 53 comarcas galegas gañaron poboación en 2022 e foi en números moi pequenos. Iso nun marco no que a Galiza perdeu nese ano, 2022, unha media de 14 habitantes cada día. As comarcas que gañaron poboación foron as de Compostela, Betanzos, Baixo Miño, Vigo, A Paradanta, O Salnés, A Ulloa, O Carballiño e Allariz-Maceda. As outras 44 perderon veciños e veciñas.

 Mais este descenso non se limita a este último ano nin se circunscribe á Galiza rural. De compararmos os datos de poboación do Instituto Nacional de Estatística (INE) do padrón do ano 2011 e de 2021 vemos como nesa década o país perdeu 107.000 habitantes, o equivalente a todos os habitantes da cidade de Ourense.

Tamén nas cidades

Foi unha década, ademais, na que das sete cidades galegas, tan só tres foron quen de gañar poboación, mentres que as catro restantes perderon veciñanza. O caso máis notábel entre estas cidades é o de Ferrol, que de 2011 a 2021 perdeu case un de cada dez habitantes. Hai 6.800 ferroláns e ferrolás menos agora que daquela.

Ourense tamén minguou en poboación nese tempo: perdeu 2,5% da veciñanza, ao redor de 2.700 persoas. Mesmo camiño que seguiu a cidade de Lugo, aínda que con menor intensidade. Entre 2011 e 2021 perdeu 0,5% dos seus habitantes (case 500 persoas). En Vigo ese descenso foi de 0,3%, case mil veciños e veciñas menos.

No outro extremo están as urbes da Coruña, Pontevedra e Compostela, onde esta década foi de gañar poboación: 0,2% máis de habitantes, 1,1% e 2,5% máis, respectivamente.

Núcleos abandonados

Outra consecuencia do fenómeno do despoboamento é o aumento de núcleos de poboación que fican deshabitados. A Galiza conta con 30.377 núcleos de poboación, mais 1.895 deles non teñen ningún habitante. As comarcas de Ortegal, A Mariña e O Eume rexistran o maior número de lugares abandonados de todo o país.

As comarcas da circunscrición de Lugo contan con 885 lugares abandonados, as da Coruña con 671, as de Ourense con 173 e as Pontevedra con 166. Ao tempo, outros 2.500 asentamentos están próximos a repetir esta situación. E por volta de 10.000 núcleos teñen 10 ou menos veciños e veciñas.

As comarcas de Ortegal, A Mariña e O Eume presentan os peores números. Así, o Concello de Ortigueira rexistra 124 núcleos sen residentes, outros 30 cunha persoa censada e 136 con menos de 10 habitantes. 

Asemade, o municipio perdeu 30% da súa poboación desde 2000, pasando de 8.533 habitantes a 5.420. A continuación, colócase o veciño concello das Pontes (na comarca do Eume), con 87 núcleos abandonados e unha perda de habitantes de 21,2% no mesmo período.

En risco

Na Galiza hai case corenta concellos cunha densidade que non supera os 12,5 habitantes por quilómetro cadrado, o que supón, segundo os criterios pola Unión Europea, que entran dentro da categoría de áreas escasamente poboadas.

Dentro destes 37 municipios, en 17 deles a densidade non chega nin a oito habitantes por quilómetro cadrado, o que supón que entrarían na categoría de concellos en risco severo. Os tres exemplos principais desta situación son A Veiga (3,1 habitantes por km2), na comarca de Valdeorras; Chandrexa de Queixa (3,2), na de Terra de Trives; e Vilariño de Conso (3,5). na comarca de Viana.

Concentración

36% da poboación galega reside en 3% da superficie da Galiza. Porcentaxes que indican como a poboación tende a concentrase cada vez máis. Só 70 parroquias, das case 3.800 que temos no país, concentran máis dun millón de habitantes. 24% da poboación viven en zonas moi pouco poboadas (ZPP ‘superbaixa’) e que ocupan o 87,5% do territorio.


Do "natalismo" á "discriminación"

O PP acredita no fomento da natalidade como a mellor política fronte á perda de poboación, e así o plasma no seu programa para o 28-M. "Un inequívoco apoio á natalidade. O noso compromiso é seguir ampliando tanto as axudas directas como as bonificacións fiscais ás familias". A isto engaden a "prioridade" , de "implementar medidas de apoio á conciliación".

Desde o BNG, pola súa parte,  avogan polo emprego digno e os servizos como base para frear a emigración, un dos principais factores de perda de poboación —3710.000 persoas emigraron da Galiza desde 2009—. Apostan, ademais, en modelos no rural que permitan "crear dinamismo económico, social e cultural". Ana Pontón fala nesta campaña de aplicar "unha discriminación positiva no medio rural".

O PSOE, no seu programa marco, propón "manter e fortalecer os servizos públicos na zona rural", combinando esta aposta con políticas dirixidas a "reforzar medidas que garantan a mobilidade no ámbito rural", así como a "potenciar os sectores tradicionais da economía local".

Comentarios