Pontón acusa Feixoo de vender Galiza ao lobby e este reprocha os acordos co PSOE

Tenso confronto no Parlamento entre o presidente da Xunta e a líder da oposición. Ana Pontón acusou Feixoo de "vender Galiza aos lobbies económicos". O mandatario recrimina ao BNG os acordos co PSOE e, ao tempo, cuestiona a continuidade de Gonzalo Caballero como líder socialista.

Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero na Cámara durante a sesión de control ao Goberno galego (Foto: Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero na Cámara durante a sesión de control ao Goberno galego (Foto: Arxina)

A Cámara galega acolleu esta cuarta feira, 29 de setembro, un tenso confronto entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a líder da oposición, Ana Pontón. Durante a sesión de control ao Goberno, a nacionalista acusouno de "vender Galiza aos lobbies económicos", ao que Feixoo contraatacou reprochando que o Bloque critique políticas do Goberno estatal e logo "pacte" cos socialistas. "Hai que decidir, ou coa Galiza ou co PSOE", dixo. 

Diante del, Pontón reivindicou que o BNG apoiou a investidura de Pedro Sánchez para evitar un Goberno do PP coa ultradereita. Aliás, insistiu en que o acordo de investidura entre BNG e PSOE "permitiu a rebaixa histórica das peaxes da AP-9". Cuestión que contrapuxo ao "agasallo" do Executivo de José María Aznar a Audasa ao autorizar a prórroga da concesión da AP-9 até 2048, que agora cuestiona Bruxelas. "Adiviña quen era conselleiro de Política Territorial cando Aznar privatizou a prezo de saldo a AP-9? Feixoo", espetou a nacionalista.

Tamén se falou da crise industrial e Alcoa. "Mentres non haxa tarifa eléctrica competitiva, Alcoa estará en crise permanente e a piques de fechar", esgrimiu Feixoo, insistindo en que o PSOE "fai ouvidos xordos" co "apoio" do BNG. 

Pontón negou tal acusación e reprochoulle que se mova "entre a submisión a Xénova e a confrontación inútil co Goberno estatal, mentres vende Galiza a favor dos lobbies económicos amigos do PP". Como exemplo, á marxe da AP-9 e os "1.091 millóns cobrados de forma ilegal" en peaxes ás galegas e galegos desde 2013 -ano en que tería rematado a anterior concesión-, puxo outros exemplos, como que a Xunta "renuncie á xestión directa" dos fondos europeos ou se negue "a pedir a intervención pública de Alcoa".

Por último, Pontón enunciou varias propostas: rematar coa concesión da AP-9 e liberala de peaxes, intervir publicamente Alcoa para garantir o futuro industrial e o emprego, estabelecer unha tarifa eléctrica galega, pór fin "ao boom eólico e enfocalo cara a un aproveitamento respectuoso co medio" e, sobre Ence, traballar nunha localización alternativa.

"Ninguén ao volante"

A xestión e proxectos para optar aos fondos europeos Next Generation tamén enfrontaron no Parlamento o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o presidente da Xunta, que aproveitou o proceso de primarias aberto na formación socialista para pór en cuestión a permanencia de Caballero á fronte do PSdeG. Todo, logo de que esta semana o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, confirmase que disputará a Caballero o liderado do partido. 

Previamente, Caballero foi moi crítico ao sentenciar que "non hai ninguén ao volante" na Galiza para a xestión de proxectos e dos fondos europeos. Fixo fincapé en que "é necesario o investimento público para modernizar a economía galega e para situala nun círculo virtuoso que permita xerar emprego, benestar, actividade económica e incremento da demanda agregada". A axenda da Xunta "ten que centrarse", dixo, "en fomentar a modernización da economía e a estrutura produtiva a través da dobre transición dixital e ecolóxica, que é fundamental". Aliás, comprometeuse a solicitar ao Goberno estatal que aumente o seu investimento en infraestruturas na Galiza nos orzamentos do Estado.

O álbum de Feixoo: narcos, Iberdrola,  conseguidores...

Son abondosas as fotos de Feixoo que a oposición leva amosado no Parlamento. En 2013 ensinaron na que aparece en iate co narco Marcial Dorado. Logo exhibiron a súa foto na praza de touros con Pachi Lucas cando este foi sinalado como presunto conseguidor na Operación Zeta.

A imaxe coa súa amiga Josefina Fernández (DomusVi) valeu á oposición para denunciar o modelo residencial privatizador da Xunta. Esta cuarta feira, para criticar a "connivencia" da Xunta coas eléctricas levaron a foto do abrazo entre o presidente de Iberdola, Sánchez Galán, e Feixoo, na investidura deste en 2009. 

A Xunta culpa o Estado dos desembalses malia non impedilos

Noutra orde, e durante o pleno, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, reclamou a José Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), entidade dependente do Estado, que "dunha vez por todas, abra expedientes" ás compañías eléctricas por baleirar encoros galegos.

Nunha pregunta do PSdeG, a conselleira insistiu en que foi o presidente da CHMS quen "permitiu o baleirado", de maneira que "a única que actuou foi a Xunta" coa apertura de expedientes ás concesionarias. 

Con todo, o certo é que os expedientes que abriu a Consellaría chegaron despois de que Núñez Feixoo aseverase que a Xunta non tivera coñecemento da intención das hidroeléctricas de baleirar encoros. Porén, a inicios deste mes sóubose que tanto a Consellaría de Medio Ambiente como a de Presidencia (a través do Servizo 112) si recibiran avisos en xuño e xullo sobre a intención das empresas de proceder aos desembalses. 

Pablo Arangüena (PSdeG) criticou que o PP vetara unha investigación no Parlamento sobre o baleirado dos encoros e diga que é o Congreso o lugar para facela. Cualificou a postura popular de "pornografía política barata". Aliás, acusou Feixoo de mentir en relación coas declaracións en que asegurou que as compañías hidroeléctricas non informaran a Xunta de que ían proceder aos baleirados. 

Por iso, Arangüena sostén que a non actuación do Goberno galego diante dos baleirados de encoros "roza a prevaricación" por saber que se ían producir e non ter exercido as competencias ambientais que ten a Xunta para evitalos. 
 

Comentarios