Pontón denuncia a "complicidade" de Feixoo coas empresas eléctricas

O BNG lanza unha campaña en defensa da tarifa galega.
Francisco Jorquera e Ana Pontón presentando a campaña do BNG contra a suba da luz. (Foto: Europa Press) #bng #eléctricas #pontón #jorquera #feixoo #iberdrola
photo_camera Francisco Jorquera e Ana Pontón presentando a campaña do BNG contra a suba da luz. (Foto: Europa Press)

A factura eléctrica acumula alzas de 606% no último ano. Porén, o Operador do Mercado Eléctrico Ibérico (OMIE) adianta incrementos para os vindeiros meses e asume unha alza continuada na electricidade até finais de 2022 ou comezos de 2023. Neste contexto, e practicamente dúas semanas despois de que socialistas e populares rexeitaran no Parlamento da Galiza unha iniciativa dos nacionalistas para rebaixar o prezo da luz, a voceira do BNG, Ana Pontón, anunciou onte a decisión da súa formación de promover unha campaña social para forzar o Goberno galego e o do Estado a abaratar o recibo eléctrico.

“As eléctricas mandan máis que os Gobernos, teñen unha normativa feita á súa medida e teñen en nómina ex presidentes e ex ministros e ministras do PP e do PSOE a través das portas xiratorias”, sinalou Pontón, quen considerou que “a estafa da luz é especialmente grave na Galiza porque, sendo produtora de electricidade, soporta os custos ambientais e sociais pero sen recibir ningún beneficio”.

“Basta xa de abrazos coas eléctricas, basta xa de vender Galiza, basta xa de pór a nosa riqueza ao servizo das multinacionais, cando debe servir para o desenvolvemento do país”, apuntou a voceira do BNG.

Pontón referiuse á foto entre o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, e o mandatario galego, Alberto Núñez Feixoo, na toma de investidura deste en 2009. “Este abrazo explica por que Feixoo permite o espolio dos recursos do país, por que permite atentados ambientais como o baleirado dos encoros... para que as eléctricas se sigan forrando.

Explica un boom eólico depredador e tamén explica por que vota en contra dunha tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas, como existe noutras zonas produtoras”, significou a dirixente nacionalista.

A portavoz do BNG afirmou que a súa formación “non deixará de dar a batalla para que a riqueza eléctrica repercuta en beneficio das familias, da clase traballadora e das empresas para crear emprego” e defendeu “medidas como a tarifa eléctrica galega, como a creación dunha empresa pública de enerxía que asuma as concesións hidroeléctricas a medida que vaian caducando, ou que a instalación de novos parques eólicos se vincule a proxectos industriais que xeren emprego”.

Ao tempo, criticou o fechamento de empresas de compoñentes eólicos e denunciou a situación da factoría de Vestas en Viveiro, onde a empresa vén de anunciar o despedimento de máis de 100 traballadores.

Comentarios