Formoso aspira á Secretaría do PSdeG

Valentín González Formoso xa é formalmente aspirante á Secretaría Xeral do PSdeG. A súa candidatura dábase por feita desde había meses, mais o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña agardou a esta segunda feira para facer pública a súa decisión. Esta opción é “ben vista” por Pedro Sánchez. Os socialistas galegos prepáranse para o seu mes máis decisivo.
Valentín González Formoso durante o pasado congreso do PSdeG na Coruña (Foto: Europa Press).
photo_camera Valentín González Formoso durante o pasado congreso do PSdeG na Coruña. (Foto: Europa Press)

Valentín González Formoso presentará esta quinta feira de maneira oficial a súa candidatura á Secretaría Xeral do PSdeG. Segundo adiantaron desde o seu equipo a diversos medios de comunicación, entre eles a Nós Diario, Formoso formalizará a súa candidatura nun acto cos militantes do PSdeG das Pontes, localidade onde é alcalde desde 2007. Neste sentido, sinalaron a súa intención de manterse á fronte do concello das Pontes e da Deputación da Coruña no caso de ser elixido como máximo responsábel da súa formación e lembraron a súa traxectoria orgánica e institucional dentro do partido.

Formoso compaxina a Alcaldía das Pontes e a Presidencia da Deputación da Coruña coa Secretaría do PSdeG na circunscrición da Coruña. Nesta liña, desde o seu círculo destacan que “A Coruña representa practicamente o 40% da afiliación socialista da Galiza, sendo o territorio con máis poder institucional”. Ao tempo, estas mesmas fontes afirman que a súa candidatura “é ben vista desde Ferraz e por Pedro Sánchez”, a quen Formoso apoiou desde o primeiro momento. Na mesma dirección, indicaron que a decisión de presentar a candidatura foi adoptada após un proceso de contraste con diversos militantes e dirixentes da formación.

Unhas horas antes do anuncio de Formoso, o outro aspirante á Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero afirmou que “non hai proxecto alternativo con máis forza, capacidade e ilusión” e apostou por un “proxecto colectivo, galeguista, feminista, ecoloxista e de esquerdas”. “O balance do PSdeG foi positivo, sen dúbida insuficiente, pero avanzamos en todos os procesos electorais”, continuou Caballero, quen defendeu un “partido unido, integrado e con lealdade” para ter “máis forza” e “para gañar no futuro, para gañar nas eleccións estatais e municipais do 2023 e para traballar nun proxecto colectivo para a Galiza que sexa capaz de darlle alternativa ao Partido Popular”.

Gonzalo Caballero e Valentín Formoso teñen agora un mes por diante para convencer a militancia socialista das bondades da súa proposta. Segundo o calendario aprobado pola dirección do PSdeG, a elección do secretario xeral realizarase mediante o sistema de primarias, fixadas en primeira volta para o 30 de outubro e en segunda para o 6 de novembro. Porén, a diferenza de 2017, onde concorreron tres candidatos, nesta ocasión non será necesario agardar a unha segunda volta das votacións para coñecer o nome do novo responsábel socialista, cuxa confirmación corresponderá ao Congreso do PSdeG datado para o 7 e 8 de decembro.

Os apoios de Caballero

Os círculos dun e doutro candidato vense como vencedores, se ben destacan que aínda fica moito partido por diante. Así, desde o sector de Caballero sinalan a Nós Diario que a súa opción é hexemónica na circunscrición de Pontevedra, maioritaria en Ourense e Lugo e con importantes apoios na Coruña. Asemade, lembran que contan coa adhesión do groso do grupo parlamentario do PSdeG no Hórreo e dunha parte significada do poder local do partido. Neste sentido, amósanse convencidos de que ao longo desta semana importantes referencias da formación van facer pública a súa aposta por esta alternativa.

As contas dos próximos a Formoso son diferentes. A este respecto, afirman contar coa gran maioría da militancia da Coruña, a circunscrición con máis afiliación do partido, e unha parte moi importante da de Lugo, Pontevedra e Ourense. Así, na primeira salientan o apoio do antigo presidente de deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e de destacados responsábeis institucionais. A posición do círculo próximo ao alcalde vigués, Abel Caballero, é unha das incógnitas deste proceso, arrogándose o seu apoio unha e outra parte.

Ourense é unha das circunscricións onde máis doado resulta medir os apoios reais de Caballero e Formoso. A elección dos delegados para o congreso federal decorrido este domingo outorgou o 60% dos compromisarios á candidatura impulsada polos próximos ao actual secretario xeral, ficando co 40% a lista liderada por Noela Blanco, representante do sector crítico da formación. Malia que ningunha das partes considera posíbel a translación mecánica dos mesmos resultados ao proceso de primarias, todos asumen que a porcentaxe de votos de Blanco supera as previsións, sobre todo, os seus resultados na cidade e no Ribeiro, con vitoria en Ribadavia e Carballedo, e Valdeorras.

Que pensa Madrid?

Os sectores en disputa dentro do PSdeG non agochan que a posición da dirección estatal do partido vai ser moi importante no resultado final do proceso. Até agora, uns e outros atribúense o apoio de Pedro Sánchez pero tamén lembran que o elixido por Ferraz en 2017 foi Juan Villoslada, finalmente derrotado por Caballero. Porén, nesta ocasión, Sánchez non é o líder da oposición senón o presidente do Goberno do Estado. 

Comentarios