As fotos de Feixoo con Dorado: a fin dunha amizade e o comezo da guerra

Dor é o que sente o preso por narcotráfico Marcial Dorado cando Núñez Feixoo renega da amizade que ambos mantiñan. Unha relación "borrada" da memoria ao facérense públicas as fotos de ambos nun iate. Dorado aviva agora as sospeitas da guerra interna que rodea a filtración das fotos ao afirmar que recibiu chantaxes de cargos do PP.
Marcial Dorado, xunto a Alberto Núñez Feixoo, describiu nun programa de televisión a grande amizade que ambos tiñan.
photo_camera Marcial Dorado, xunto a Alberto Núñez Feixoo, describiu nun programa de televisión a grande amizade que ambos tiñan.

As fotos do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a bordo dun iate co cambadense Marcial Dorado, actualmente na cadea por narcotráfico, voltan a acurralar o líder do PPdeG ás portas das eleccións galegas. A entrevista que o xornalista Jordi Évole realizou a Dorado e que antonte emitiu La Sexta bota por terra os argumentos que Feixoo elaborou para protexerse do escándalo que estoupou en 2013, cando as fotos, realizadas nos 90, saíron á luz. 

Feixoo repite que con Dorado non tivo amizade ningunha, "nin ancha nin estreita". Porén, o narco relatou ante as cámaras as múltiples viaxes que fixeron xuntos a destinos como Portugal, Picos de Europa ou Ibiza. "Dáme moita pena a súa reacción", dixo Dorado na televisión, decepcionado ante un Feixoo que renega da amizade que mantiveran.

“Está falando co cerebro de político, e non co corazón. Doe. Se dormes na miña casa, se a miña muller che fai o almorzo… iso non é amizade?", preguntouse Dorado. "Que non escape, que sexa valente" díxolle ademais o narco na entrevista, instando a Feixoo a que recoñeza a súa relación. Segundo foi relantando Dorado, a amizade comezou a perderse a comezos de século, cando Feixoo centrou a súa vida na política. A última vez que se viron foi en  2001, recorda Dorado, antes de ser imputado en 2003.

A idea do encontro partiu de Feixoo e combinaron para xantar con outras persoas. Isto desmonta a versión do presidente da Xunta de que rompera as relacións co narco en 1997, cando supostamente soubo que o seu amigo estaba a ser investigado xudicialmente. Esta versión tamén ficara desmontada logo de que o xuíz Antonio Vázquez Taín asegurara que durante as súas pesquisas, iniciadas en  2001, se gravaran conversas telefónicas entre ambos os dous. 

 
A ignorancia feita defensa

A pesar de que na década dos 90 era moi difícil non saber quen era Dorado, debido á súa asidua aparición en titulares de xornais por acusacións de narcotráfico e contrabando, o presidente da Xunta repite que durante aqueles anos descoñecía as actividades de Dorado. Feixoo chegou a afirmar que cando coñece o cambadense, en 1994, "non sabía nada del". 

A guerra interna no PP

As fotos saíron á luz en 2013 en El País, froito dunha investigación de anos de Xosé Hermida e Elisa Lois. Porén, o presidente da Xunta chegou a afirmar en marzo de 2018 nunha rolda de prensa que “esas fotos estaban en mans de moita xente" previamente á publicación, e indicou que xa o "ameazara" un partido con difundilas no medio dunha campaña. De feito, nunha entrevista que Feixoo concedera a Évole poucos días antes desa rolda de prensa, recoñeceu que sabía da existencia das fotos porque o avisara “un delegado do Goberno”. 
Nun sentido semellante á chantaxe política pronunciouse Dorado na entrevista televisada antonte, desvelado que recibiu visitas na cadea de xente enviada por algunha ministra ou ministro do PP para "botar lixo" sobre Raxoi e Feixoo a cambio de beneficios penitenciarios. Tamén o tería visitado un ministro do Goberno  Rodríguez Zapatero en 2005 co mesmo obxectivo.

As fotos terían desaparecido durante a intervención dirixida polo xuíz Taín e polo xefe do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Galiza, Hermelino Alonso Eiras, segundo relatou o ambiente de Dorado ao cabeceiro Novas da Galiza en 2013. Segundo a investigación deste medio, fontes ligadas ao último Goberno Fraga terían indicado que detrás da filtración das fotos habería unha manobra do sector ourensán do PP para impedir o ascenso de Feixoo e desgastar Raxoi, logo de que o sector vinculado ao Opus Dei se impuxese no PPdeG da man de Romai Beccaría, padriño de Feixoo no partido. De feito, nos 90 Feixoo tería comezado a visitar a Dorado da man de Manuel Cruz, chófer oficial de Beccaría cando era conselleiro na Xunta. Cruz tamén era testaferro do propio Dorado e morreu en 1999 nun accidente que para algúns se produciu “en estrañas circunstancias”. 

O certo é que as fotos irromperon cando o nome de Feixoo comezaba a soar con forza para substituír Mariano Raxoi, o que reforza a versión de Dorado da guerra sucia nas filas populares.

A oposición pide explicacións a Feixoo após Dorado confirmar a amizade entre ambos

A oposición galega instou onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a dar "explicacións" após o preso Marcial Dorado, condenado por narcotráfico, ter confirmado que ambos os dous mantiveron unha estreita amizade durante anos.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, incidiu en que Núñez Feixoo "adebeda unha explicación veraz a Galiza" sobre a súa relación "cun dos capos da droga máis grandes de Europa", dixo. "Todos sabiamos que había un narco que pagaba as vacacións ao señor Feixoo", afirmou o portavoz da coalición Galicia en Común, Antón Gómez-Reino. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén acusou o presidente da Xunta de mentir por negar a amizade con Dorado e exixiu explicacións. 

Comentarios