Pontón acusa o Goberno do PP de “pasotismo” ante a crise de prezos

Pídelle a Rueda "que se poña a traballar" e ante un PP que "pon pedras na mochila da cidadanía", explica as medidas urxentes e estruturais propostas polo BNG
Ana Pontón presentou a campaña esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón presentou a campaña esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou en Mondariz-Balneario nun acto público dentro da campaña previa ao Día da Patria desenvolta por todo o País baixo o lema Gañarmos o futuro, un 25X que se celebra no medio dunha crise de prezos, a maior en catro décadas, que está “afogando” ás familias, á clase traballadora, persoas autónomas e pequenas e medianas empresas.

Neste contexto, criticou, o Goberno do PP está de brazos cruzados, actuando de xeito insensíbel e instalado no canto peor para a maioría da cidadanía, mellor para os intereses electorais do PP.

“A cidadanía galega precisa que os gobernos adopten medidas, moi especialmente o Goberno da Xunta, que ante esta crise de prezos arrastra os pés, cunha actitude de pasotismo, instalado no canto peor, mellor para o Partido Popular, impasíbel e sen corazón ante a situación que viven miles de galegos e de galegas”, denuncia a líder do BNG.

 

Pontón considera “incomprensíbel” que ante unha escalada inflacionista sen precedentes o Executivo de Rueda non teña adoptado ningunha medida eficaz para paliar os efectos do descontrol do IPC, nin para axudar aos colectivos máis desfavorecidos, nin aos sectores produtivos, nin ás PEMES.

A conclusión para a líder nacionalista é que estamos “ante un goberno sen corazón, sen capacidade e instalado no canto peor, mellor para o PP”. De feito, denunciou, lonxe de axudar, o Goberno popular vai na dirección contraria, con medidas que aínda “poñen máis pedras na mochila”, como a Lei da auga, aprobada co voto en contra do BNG, que vai supoñer unha subida da factura a miles de persoas, ou a supresión da tarxeta básica, coa que as familias con menos recursos sufragaban a compra de alimentos e produtos de limpeza.

Por iso, Pontón reclama do Goberno de Rueda “que se poña a traballar” para paliar os efectos da crise e enumera a batería de propostas que tería adoptado un goberno do BNG: subir o tramo autonómico das pensións non contributivas, 37.000 persoas, mellorar a prestación da RISGA e facela compatíbel co IMV, aumentar as axudas para os gastos básicos de vivenda, disparados en particular pola factura da luz. E recuperar de inmediato a tarxeta básica.

O Bloque tamén propón medidas para axudar ós sectores produtivos máis afectados polos custes derivados da inflación, axudas directas para a xente do mar, dos produtores agrogandeiros, “que o están pasando moi mal”, para as persoas autónomas e para as PEMES, que sosteñen a maior parte do emprego.

“Levamos meses reclamando un plan de choque contra esta crise dotado con 700 millóns de euros, que permitirían financiar esa axudas, tanto aos colectivos que menos teñen como ós sectores produtivos”, recalcou. Un dato: o Goberno do PP deixou sen executar mil millóns de euros nos orzamentos de 2021.

Pero ao lado destas propostas de urxencia, conxunturais, o BNG tamén propón medidas de carácter estrutural, tendo en conta que un factor clave no descontrol de prezos é a enerxía. “Como podemos pagar unha factura disparatada da luz cando somos un País rico en electricidade?”, interpelou, e neste contexto faise máis necesario que nunca defender unha tarifa eléctrica galega, a posta en marcha dunha empresa pública de enerxía e aumentarlle os impostos ás eléctricas, “que se están forrando con esta crise e hai que pararlles os pés”, concluíu.

Pontón participou en Mondaríz-Balneario nun acto público con motivo da Día da Patria, e convidou a mobilizarse o próximo 25 de Xullo en Santiago na gran manifestación nacional que convoca o BNG a todas as persoas que queren unha saída xusta da crise e que queren outra Galiza con futuro, na que vivir e traballar, con benestar social, desde o orgullo e a confianza no potencial do País.

O acto contou tamén coa intervención do portavoz municipal, Cesar Gil, e do reponsábel comarcal, Mauro Chivite, e estivo precedido por un roteiro cultural pola vila.

 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios