Parlamento

Rueda desbota adoptar medidas para facer fronte á inflación na Galiza

Non haberá medidas da Xunta para facer fronte ao aumento da inflación —9,6% na Galiza— e ás súas consecuencias sobre o tecido económico e en miles de galegos. Na sesión de control ao presidente no Parlamento, Alfonso Rueda argumentou que o Goberno galego carece de competencias e puxo toda responsabilidade no tellado do Executivo español. 
Alfonso Rueda, Ana Pontón e LuísÁlvarez onte, en diferentes momentos do pleno do Parlamento galego que decorreu onte. (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e LuísÁlvarez onte, en diferentes momentos do pleno do Parlamento galego que decorreu onte. (Foto: Parlamento da Galiza).

A crise derivada da inflación ten enfronte unha Xunta sen competencias para lle facer fronte e un Goberno español que non toma as medidas necesarias. Este é, a modo de resumo, o argumentario que expuxo o presidente galego, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento á pregunta do BNG sobre que estaba a facer o Executivo galego para paliar unha suba de prezos ("47% en aceite, 33% nos ovos, 14% no pan, sube o combustíbel a luz...", debullou a portavoz nacionalista Ana Pontón) que "afoga miles de galegos". 

Pontón e Rueda protagonizaron onte na Cámara un intenso tête à tête coa crise como pano de fondo. "Os galegos e galegas somos 9,6% máis pobres e somos dos territorios do Estado onde hai salarios e pensións máis baixas", expuxo a líder da oposición, que enumerou a suba de prezos nestes meses contrapoñéndoos ao aumento de 3% dos salarios "nos 140 convenios colectivos asinados até maio".

Dificultades cada vez máis crecentes para pequenas e medianas empresas, para as familias, para os traballadores e pensionistas para as que volveu reiterar as propostas do BNG: incremento de pensións non contributivas e da cuantía da Risga, aumento de axudas aos sectores produtivos e imposición de impostos ás eléctricas. 

Facer fronte a Madrid

Rueda afirmou que "coincidía" na "diagnose" que facía o BNG da situación. Mais até aí chegou o presidente. "Pídennos cousas para as que saben que non temos competencias", reprochoulle a Pontón. "Envolven todo na estrela vermella e iso non soluciona nada", acrecentou.

En paralelo a esta liña argumental —"a Xunta carece de competencias"— o presidente engadiu a de "dirixir ben o tiro", en palabras do propio Rueda, sobre as responsabilidades: ao Goberno español. Aí "tendeu a man" a Pontón para, dixo, "defender todo o que lle interesa a Galiza", intereses entre os que citou desde os fondos Next Generation até as competencias en litoral ou as eólicas. 

"Tende unha man baleira", respondeulle Ana Pontón, "nunca fala das súas competencias", apúntase á política da "propaganda, de botar balóns fóra e dicir non a propostas como a dunha tarifa eléctrica galega". Non gostou Rueda da resposta da portavoz do BNG.  "Tendo a man e nunha soberbia moi característica, non responde", queixouse. O presidente acusou os nacionalistas de "ser moi bravos coa Xunta pero moi dóciles con Madrid".

"Suar a camiseta da Galiza"

Pontón volveu baixar o debate a rente da crise que padecen miles de galegos. "Teñen 11.600 millóns de euros de orzamento e din que non poden facer nada ante a crise?", preguntou. Lembrou que en 2021 ficaron sen executar 1.000 millóns de euros Xunta e que poderían ter bo destino para un plan contra a crise. "Señor Rueda, súe a camiseta da Galiza", emprazouno a portavoz nacionalista, "a Galiza necesita un Goberno, non xente quentando unha cadeira".

Álvarez pide correxir  a política sanitaria

A sanidade tamén estivo presente na segunda xornada do pleno, após unha primeira xornada marcada pola comparecencia do conselleiro Julio García Comesaña. O portavoz do PSdeG no Parlamento galego, Luís Álvarez, reclamou a Alfonso Rueda unha "corrección" da política sanitaria nos dous anos que fican de mandato. "Estamos pagando hoxe os recortes de onte", denunciou o socialista, que acusou o Sergas de promover o dumping sanitario: "Volven aos tempos en que para complementar salarios ofrecíase casa e carbón", en referencia á oferta de aloxamentos no verán para médicos en Sanxenxo. O presidente, ao igual que o conselleiro de Sanidade na xornada anterior, negou o "colapso" da Atención Primaria e dixo que o problema non era o orzamento, senón a falta de persoal.

Comentarios