O Parlamento galego aproba a nova lei de augas co único voto a favor do PP e críticas de BNG e PSdeG

Os populares destacan a "voluntariedade" da nova lei, mentres que a oposición acusa a Xunta dunha "suba de impostos" a familias e fogares.
Xosé Manuel Rey Varela (PP); Luís Bará (BNG); e Begoña Rodríguez (PSdeG). (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Xosé Manuel Rey Varela (PP); Luís Bará (BNG); e Begoña Rodríguez (PSdeG). (Fotos: Nós Diario)

O Parlamento galego aprobou esta terza feira a lei de mellora do ciclo integral da auga co único voto a favor dos deputados e deputadas do PP, e co rexeitamento frontal de BNG e PSdeG ao que consideran unha "suba de impostos" e un "sablazo".

"Se algún escoita a algún grupo falar de sablazo, pensará que a xente na Galiza non paga pola auga, e isto non é verdade", sostivo o deputado popular José Manuel Rey Varela. "Aquí o que se fai é substituír taxas para aqueles concellos que libremente o decidan por outros conceptos", afirmou.

Rey Varela defendeu que a Galiza dá "un novo paso" para a xestión dos seus recursos naturais con este texto, co que se busca evitar a metade das fugas existentes nas redes, polo cal que todos os concellos que queiran poidan solicitar de modo voluntario a xestión e axuda autonómica.

Durante o debate, o nacionalista Luís Bará denunciou que o PP "presume de que queren baixar os impostos e o que fai é subir unha vez máis os impostos ás familias e aos fogares". Nesta liña, a deputada do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo apuntou que "de súpeto aparecen o canon de xestión de depuradoras, o canon de xestión de redes de colectores e o novo canon de abastecemento".

Neste sentido, a socialista sinalou que, tomando como referencia a memoria económica de Augas da Galiza, "a modificación do canon da auga" suporá aumentos na recadación que "serán de máis de 50 millóns desde o primeiro exercicio".

Voluntariedade dos municipios

En relación coa voluntariedade dos municipios para adherirse a este modelo de xestión, Rodríguez Rumbo sinalou que "non é de recibo" que se lles diga aos municipios "se lle gusta, adhíranse", pero "se non lle gusta, queden como están".

A continuación, Bará cargou contra a Xunta por "actuar cun absoluto exceso de prepotencia e soberbia" por aprobar este texto "sen ter en conta a opinión do municipalismo", "sen cumprir o pacto local da auga anunciado aos catro ventos en 2015" e "en contra das comunidades veciñais de traídas da auga", ademais de sen contar co CES.

Tamén asegurou que a norma "non está adaptada á realidade galega" con máis de 30.000 núcleos de poboación e prosegue cun "modelo de infraestruturas fracasado". Por toda esta "falta importante" na tramitación de acordo social, Bará reprochou a "oportunidade perdida de chegar a un gran pacto galego pola auga".

Pola súa banda, Rey Varela defendeu unha tramitación e unha negociación "moi intensa" para sacar adiante esta lei, que conta cun "importante valor técnico". Incidiu na "voluntariedade" para adherirse porque "cremos na autonomía local", concluíu o deputado do PP.

Comentarios