Ana Pontón insta a subir os impostos ás eléctricas e pór fin aos seus beneficios "caídos do ceo"

A dirixente nacionalista fixo un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo 3 de abril en Santiago de Compostela, reclamando medidas a favor das maiorías sociais.
A voceira do BNG, Ana Pontón, nunha acto da campaña 'Os prezos soben, os teus cartos baixan'. (Foto: Nós DIario)
photo_camera A voceira do BNG, Ana Pontón, nunha acto da campaña 'Os prezos soben, os teus cartos baixan'. (Foto: Nós DIario)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, trasladouse no día de hoxe ao mercado de Santo Agostiño, na Coruña, no marco da campaña 'Os prezos soben, os teus cartos baixan', coa que o BNG denuncia que "a escalada de prezos está empobrecendo as familias, a clase traballadora, levando ao límite moitas empresas e mesmo sectores produtivos esenciais na Galiza".

Durante a visita, Pontón centrou as propostas da formación nacionalista en tres medidas concretas, "pensadas para atallar a factura eléctrica". En primeiro lugar, instou a subir os impostos ás eléctricas "para que parte do seu lucro se traslade á maioría social"

Da mesma maneira que Bruxelas concedeu unha excepción Ibérica, o Goberno central debe mostrar sensibilidade e admitir a excepción galega, que non sería máis que a tarifa eléctrica galega que propón o BNG desde fai anos

En segundo lugar, volveu insistir na necesidade dunha tarifa eléctrica galega para que a Galiza "se beneficie de ser produtora de electricidade". Por último, exixiu pór fin aos beneficios "caídos de ceo" do 'lobby' eléctrico.

“Un dos elementos que máis afecta á inflación é o prezo da luz e, da mesma maneira que Bruxelas concedeu unha excepción Ibérica, o Goberno central debe mostrar sensibilidade e admitir a excepción galega, que non sería máis que a tarifa eléctrica galega que propón o BNG desde fai anos, para que a Galiza teñan unha compensación polos custos sociais e ambientais de producir e exportar electricidade e se beneficie da súa riqueza”, argumentou.

Subir os impostos ás eléctricas

En relación á subirlle os impostos ás eléctricas, a voceira nacional do Bloque destacou que o beneficio do sector superou os 11.000 millóns de euros en 2021, un incremento superior a 200%. 

Para Pontón, parte dese "escandaloso" beneficio debe trasladarse aos colectivos máis afectados a través dos impostos, co obxectivo de "axudar a compensar" o impacto da escalada de prezos, en particular o da factura da luz.

“Sería unha tremenda irresponsabilidade que o Goberno do Partido Socialista (PSOE) e Unidas Podemos pretenda salvagardar os astronómicos beneficios das eléctricas, non podemos ter un goberno que non queira aproveitar parte dese lucro para beneficiar á maioría social”, reivindicou.

A nacionalista criticou que por agora o Goberno español foi en dirección contraria ás propostas do BNG, e lembrou cando fai seis meses o Executivo estatal decidiu baixar o imposto de xeración de enerxía, que "implicou un aforro para multinacionais como Iberdrola, Naturgy ou Endesa cifrado en 1.500 millóns de euros".

"Propaganda e fume" de Feixoo

Pontón tamén sinalou o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, do que criticou que sigue sen adoptar ningunha medida concreta para atallar a escalada de prezos e o seu impacto na economía galega, máis alá de "buscar culpábeis" e de !facer anuncios que non se concretan no Diario Oficial da Galiza (DOG).

“Hai un goberno que ten competencias en materia de industria, agricultura, pesca ou comercio, pero instalado nos anuncios, Feixoo vaise despedir da Galiza con propaganda e fume”, lamentou, ao tempo que fixo un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo 3 de abril en Santiago de Compostela, reclamando medidas a favor das maiorías sociais.

Comentarios